O BNG reclama mudar a ora por sistema gratis e BN trata de apuntarse a fin do contrato

Un parquímetro da ORA no centro de Betanzos

Cercado pola evidencia de anos de irregularidades que arrastraba a concesión da ORA, un contrato asinado por cinco anos en 2001 e cuxas prórrogas chegaron ata estes días- facendo máis longa a prórroga continuada que o propio contrato- o goberno local do PSOE anunciou que dera por finalizada esta controvertida concesión. O BNG valorou coma “un primeiro paso positivo” que o goberno local non renovase o contrato de concesión da ORA un ano máis. Para as nacionalistas, porén, “é un anuncio que chega con retraso, logo de o PSOE insistir por anos en prorrogar de maneira totalmente irregular o contrato”.

Neste sentido, explican que, a pesar de que o goberno municipal anunciou o pasado mes de outubro que ía “denunciar o actual contrato da ORA” realmente o contrato acabouse e o PSOE xa anunciou que o sacará novamente a concurso. “Semella que por fin, tras anos de irregularidades e denuncias públicas, o PSOE se convence de que é indecente ter unha empresa cobrándonos por estacionar nas nosas rúas sen que un euro de todo o que cobra entre no Concello”, engadiu o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río.

Desde o BNG insisten en que “a ORA é un sistema inxusto”. “Paga igual todo o mundo con independencia da súa capacidade económica”, explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. O edil nacionalista alerta de que “mentres os centros comerciais ofrecen aparcamento gratuíto aos seus clientes, o centro comercial aberto de Betanzos compite en desvantaxe con aparcamento de pago, sexa en rúas ou estacionamentos soterrados”. “Polo tanto, a ORA é un sistema malo para o pequeno comercio, que é un sector estratéxico para Betanzos”, engade.

Neste sentido, o BNG anticipou que presentará ao próximo Pleno unha moción para substituír o actual sistema de pago- transitoriamente sen empresa recadadora mais en vigor e previsto en toda a normativa municipal- por un sistema de rotación gratuíta do estacionamento.

“A proba de que a ORA non cumpriu a súa finalidade é que pagamos 600 euros ao mes como mínimo ao aparcamento soterrado do Campo para ter ’20 minutos gratis’ que non deixa de ser outro sistema de rotación do estacionamento”, explica Del Río. “Así que dado que non funciona, propoñemos substituír o sistema de pago por outro gratuíto que está comprobado que funciona en vilas como Carballo”, engade.

BN trata de apuntarse a rescisión do contrato como un logro da súa relación co PSOE

Sen reaccion máis alá do seu perfil do facebook, BN- un dos dous grupos de En Marea xunto con BeC-asegurou que “faise efectiva a supresión da ORA acordada na moción presentada por Betanzos Novo no Pleno de outubro de 2016”. Agradecen o apoio doutros grupos á súa moción, dando a entender que foi clave para acabar co contrato. E se ben é certo que foi nese pleno cando o PSOE mudou de parecer e deixou de defender contrato e concesionaria, para acceder a poñer fin ao acordo asinado en 2001, non é menos certo que a fin da concesión non se debe ao que a moción pon.

O acordo era “Denunciar o contrato subscrito en data 6 de marzo de 2001 entre o Concello de Betanzos e a entidade mercantil SETEX-APARKI S.A. e declarar a vontade da Corporación de non prorrogar a concesión do servizo”, pedir un inventario de bens da concesión e modificar as ordenanzas de tráfico para suprimir o estacionamento de cobro. O primeiro punto evidentemente non se cumpriu. O contrato acaba por negarse a prorrogalo o goberno, non por denuncialo- o que podería dar lugar mesmo a indemnización.

Ademais, un vistazo á acta desa sesión plenaria amosa que pactou co PSOE nesa sesión plenaria a renuncia a un sistema gratuíto de estacionamento rotatorio nas rúas. A marca local de En Marea retiraba así o terceiro punto da moción, renunciando a un cambio de modelo no estacionamento aínda cando o PSOE, como a acta evidencia, xa anunciou nese pleno que sacaría novamente a ORA a concesión.

Advertisements