Bergondo lanza unha ofensiva contra o plumacho

A herba da Pampa, plumacho ou cortaderia selloana ten un inimigo declarado no Concello de Bergondo. O goberno local planea varias actividades para erradicala do municipio, comezando por un plan para sensibilizar á poboación sobre a necesidade de evitar a proliferación da herba da Pampa, dado o grave risco que supón para a flora autóctona. Incluirá dúas xornadas informativas sobre o plumacho, para explicar como se debe proceder para retiralo con eficacia, e dúas publicacións para “chegar ao máximo de veciños”.

Ademais, o Concello remitiu escritos á Deputación, Xunta e Ministerio de Fomento para que erradique o plumacho das marxes das súas respectivas estradas e fará o propio cos camiños de titularidade municipal. Ademais, insistirá aos veciños que retiren a herba das súas parcelas. Trátase dunha herba da que está prohibida a súa posesión pola súa afección ao medio, e as multas por tela previstas nunha Orde Ministerial chegan a varios milleiros de euros.

Bergondo entende que o “único xeito efectivo” de acabar co plumacho é cunha “acción conxunta a todos os niveis”e confía en que a cidadanía se mobilice para frear a expansión dunha “planta invasora que non produce ningún beneficio ao ecosistema”.

Betanzos usará unha subvención para retirala na Galera

O Concello de Betanzos, malia ter aprobado numerosas iniciativas neste sentido- a maior parte delas a iniciativa do BNG- tan só ten previsto retirar unha parte dos plumachos no entorno da Galera e ao abeiro dunha subvención. Nun comunicado de prensa o goberno local xa explicaba que agardaba a ter máis fondos doutras administracións para seguir erradicando unha planta invasora presente en varias propiedades municipais.

Advertisements