O comercio do Casco Histórico organiza un outlet no Matadoiro a primeira fin de semana de abril

O Matadoiro acolle este encontro aberto

O colectivo de Comercio, Hostalaría e Servizos do Casco Histórico organiza un outlet os vindeiros 1 e 2 de abril. O escenario escollido é o antigo matadoiro municipal da Ribeira. Na cita estarán presentes máis dunha decea de establecementos comerciais e hostaleiros da zona monumental, de dentro e fóra da muralla. Moda, complementos, zona gastronómica e animación con música en directo son a aposta para atraer ao público cara “Os mellores prezos e os mellores descontos só dous días”, como reza o eslogan publicitario.

Confirmaron a súa presenza no evento A Artesa da Moza Crecha e Taberna 1931 na zona gastronómica e Aire, Bicos, Carmita, Carrousel, Chocolat, Isi Complementos, Lencería Alicia, Miraquélinda, Óptica e Parafarmacia Selgas, TrendyBetanzos e Triscos Moda no relativo a moda e complementos. A programación inclúe, ademais, sesión vermú o domingo desde as 13h coa banda Vacas Fracas mentres que varios DJ amenizaran as xornadas.

Trátase dun novo outlet que se ven sumar aos dous que organiza ACEBE-CCA ao remate de cada tempada de rebaixas, en primavera e outono.

A previa, Gastrolive de Café Lanzós e A Artesa da Moza Crecha

O Café Lanzós e A Artesa da Moza Crecha- un dos postos do mercado municipal de Abastos- organizan para este venres 17 unha sesión de maridaxe musical e gastronómica baixo o rótulo Gastrolive. Comeza ás nove da noite cun menú-degustación de  A Artesa da Moza Crecha, cun prezo de 12 euros, cunha selección de produtos habituais no seu posto do mercado. As prazas son limitadas e haberá que se inscribir en calquera dos dous locais organizadores.

Carpaccio de polbo con mousse de queixo fresco e caviar de ourizo de mar, unha táboa de embutidos gourmet ou mini burrito de paspallás escabechada con aire de foie e trufa negra son algunhas das especialidades incluídas na proposta, que rematará cun concerto de Jazz de “Arturo el del Saxo y su Banda” a partir das 22:30 h.

 

Advertisements