O BNG denuncia que o PSOE cola o “parking express” na ordenanza da ORA e publica o borrador da norma

Coches aparcados na praza de Santa María, un dos lugares onde se propón instaurar o Parking exprés

O BNG lamentou que o goberno local teña xa, listo para aprobación, o regulamento para a ORA. “O alcalde explicounos onte-por antonte- na xunta de portavoces que nos vindeiros días sacarao a exposición pública para iniciar o trámite da súa aprobación”, explicou Henrique del Río, voceiro nacionalista, na tarde de onte nun comunicado de prensa. Desde o BNG explican que, xunto coa regulación da ORA- o que en realidade deixa xa clara a intención do PSOE de volver a sacar a concurso o control e explotación da zona azul entregándollo a unha empresa privada novamente- a norma redactada polo goberno local inclúe xa o parking express.

“O goberno local cola así, pola porta de atrás e de maneira unilateral, a legalización do estacionamento indebido no Casco Histórico”, engaden. O BNG recorda que no pleno de febreiro o goberno local conseguiu aprobar, co único voto en contra do BNG, un proxecto duns 30 000 euros para instalar cámaras nas rúas do Casco Histórico para desenvolver o seu proxecto de “parking express”, isto é, devolver o tránsito rodado e o estacionamento ás rúas da zona monumental. O proxecto supón un investimento de 30 000 euros para colocar entre 10 e 12 cámaras para controlar o acceso e saída de vehículos do Casco Histórico, medindo o tempo que permanecen dentro para controlar o cumprimento do parking express” explican os nacionalistas.

Coa ordenanza da ORA e mais o proxecto de instalación das cámaras, o goberno local “incumpre un acordo alcanzado para analizar na Comisión de Tráfico as propostas que cada grupo puidese ter sobre a mobilidade no centro histórico”. “Isto supón volver 20 anos atrás na recuperación do Casco Histórico, é volver a ter as rúas cheas de estacionamento e ningún Casco Histórico que se dinamizou está cheo de coches”, relata o edil nacionalista. “No fondo, supón convertir o principal reclamo de Betanzos nun aparcamento” lamenta.

Desde o BNG insiten en substituír a ORA por un sistema gratuíto de rotación para o estacionamento para que o centro comercial aberto de Betanzos poida competir coas grandes superficies comerciais, que dan aparcamento gratis á clientela. E no Casco Histórico, o BNG insiste en que a prioridade debe ser para as persoas, con amoblamento urbano, aparcamentos disuasorios e zonas reservadas para a veciñanza. “Presentamos hai meses unha proposta alternativa que o PSOE nin sequera debeu ler”, lamentan.

O regulamento que o goberno local presentou á oposición- que o Bloque fixo público onte- delimita nove áreas dentro da zona monumental para a chamada “zona vermella”, que ven a sumarse á “zona azul” de estacionamento de pago mediante a ORA- resevada unha nova concesión xa que o texto en todo momento fala do “próximo concesionario”- e a “zona verde”, que son os estacionamentos reservados a residentes. Así, nas rúas San Francisco, Azougue, Travesa, Pescadería, Nova, Santiago, Castro, Prateiros e o a praza Fernán Pérez Andrade haberá un total de 56 prazas de aparcamento para parar un máximo de 45 minutos. O goberno local incrementa o tempo de permanencia desde que propuxo o parking expres, pois anunciaba, en febreiro de 2014 a “creación ou sinalización de 65 prazas. Polo día, estas prazas funcionarían como estacionamento “exprés”, é dicir, cun tempo limitado de 30 minutos”. O estacionamento “exprés” gaña un cuarto de hora coa ordenanza presentada á oposición.

O plan do párking expres do goberno local, que tamén publicou o BNG para coñecemento cidadán, prevía como zona de estacionamento para residentes o remate da rúa Nova, no entronque coa do Hórreo. O texto da ordenanza presentado esta semana elimina estas prazas de residentes destinándoas ao párking express. Tamén se cambia para residentes a praza de Enrique IV e se prevé implantar ORA na praza de Alfonso IX contra o paseo da Galera e na rúa das Cascas, no entorno da urbanización Río Sol.

O goberno socialista defende na exposición de motivos da ordenanza proposta a necesidade de implantar estas prazas nas vías con maior demanda de estacionamiento, nas que se pretende limitar o tráfico de vehículos e garantir a rotación do estacionamento. Nin o PP, que devolveu o tránsito rodado ao Casco Histórico durante o seu mandato, nin os dous grupos que ten En Marea no Concello- BN e BeC- se posicionaron a respecto desta ordenanza.

 

Advertisements