A Xunta anunciou que investirá máis de 400 mil euros na reforma do Vales Villamarín

Imaxe do CEIP Vales Villamarín

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e o delegado de Educación, Indalecio Cabana, visitaron onte Betanzos para anunciar o investimento de máis de 400,000 euros na “reforma integral” do colexio Vales Villamarín. Segundo informa a Xunta, as obras incluirán traballos de illamento da fachada, a renovación da carpintería metálica, a sustitución das luminarias por outras de tecnoloxía LED e o pintado do interior do centro.

Despois de que durante os 3 últimos anos o BNG reclamara estas reformas nas súas emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia e o Partido Popular votara reiteradamente en contra deste investimento onte o delegado de educación e o delegado territorial indicaron que o Goberno galego cumpre con estas obras o seu “compromiso de transformar o centro betanceiro nunha referencia no mapa educativo da provincia”.

Ovidio Rodeiro aproveitou a visita ao centro escolar para informar ao alcalde, Ramón García, e aos docentes o cronograma de obras. O responsable autonómico sostivo que a planificación responde ao interese da Xunta en “interferir o menos posible na vida académica do centro” e pediu á comunidade educativa “colaboración e comprensión polas molestias que obras destas características poidan levar aparelladas”.

O alcalde agradeceu onte “o interese” mostrado pola Xunta “para atender as necesidades do centro e cumprir os compromisos adquiridos coa comunidade educativa” e mostrouse confiado en que as obras “mellorarán de forma notable un colexio construído nos anos 70 no que cursan os seus estudos case un milleiro de alumnos e que necesitaba con urxencia estas obras”. O PP de Betanzos agradeceu tamén onte o “esforzo” da Xunta por “transformar nun referente” o Vales Villamarín.

O Vales Villamarín é neste momento o Centro educativo máis grande do País polo que a comunidade educativa e o BNG levan anos reclamando sen éxito á Xunta orzamento para convertir o aulario do Vales nun centro educativo independente.

Advertisements