Polémica en Sada polo anuncio do banco de San Mamede

Despois de que o Concello de Sada, a través da concellería de obras e servizos, que dirixe Miguel Tenreiro de Sadamaioría, anunciara onte a intervención en punta San Mamede coa instalación de dous bancos para facerlle competencia ao famoso banco de Loiba sucedese a polémica entre a veciñanza e as entidades ambientais da comarca.

“Este proxecto realízase tras recoller o concelleiro Miguel Tenreiro a demanda veciñal para habilitar alí unha zona de descanso e que se acondicionase a zona do mirador, que permite admirar ría de Ares e Betanzos, dentro da ruta de senderismo Costa Doce, que nos últimos anos popularizouse cun trial do mesmo nome e as impresionantes imaxes aéreas e virales do sadense Marcos Cenamor”, segundo explicaron onte membros do goberno local.

Nese punto tamén estaba operando onte un tractor, que acondicionou a explanada xunto ao mirador, que estaba chea de maleza. Co seu paso tamén estabilizou a terra do camiño polo que se chega a un enclave que permite unha gran panorámica de arenales, como os de Perbes, Miño ou Ber.
Criticas da veciñanza e os colectivos medioambientais
Isto provocou onte criticas da veciñanza nas redes sociais polo impacto desta actuación no enclave natural e da Sociedade Galega de Historia Natural das Mariñas. Esta entidade fixo pública onte nas redes sociais a súa postura. “Dende a SGHN estamos moi interesados en poñer en valor esta zona costeira, pero pensamos que o camiño que se está a seguir non é o máis axeitado, e, pola contra, pode ser incluso máis prexudicial que deixar as cousas coma están. Xa dimos a nosa opinión con respecto á destrucción de hábitats que pode ocasionar a realización do trail nesta zona, agravada ademáis pola súa popularidade. Neste caso, parece ser que ca finalidade de poñer un banco se realizaron extensivas tareas de tala e desbroce, supoñemos que para aumentar as vistas, pero é de ter en conta que ao rozar a maleza destrúense refuxios animais coma os dos coellos, por exemplo; faise máis perigosa a ruta xa que a xente se pode achegar aos cantís, e ademáis queda máis exposta a colonia de corvo mariño cristado que aniña nesa zona”, explicaban.
“Respecto ao castro, cremos que é unha vergoña que exista un cartaz indicando a existencia do mesmo, que logo levará a decepción cando os sendeiristas cheguen a punta e non vexa nin rastro deste xa que está sen exacavar, e que ademáis pode acabar danado con este tipo de actuacións”, engadiron.
“Solicitamos ao concello que en lugar de seguir tanto as modas para darlle usos e promocionar esta ruta, reflexione sobre o significado da compatibilización do uso dos espazos co respeto ao entorno, para evitar máis futuras actuacións inapropiadas que poden danalo en lugar de valorizalo. Por favor, busquen solucións máis axeitadas e compatibles coas características desa contorna, sexan orixinais, ben é sabido que as cousas posúen valor por ser únicas e especiais, non copias de outras”, conclúen.
Advertisements