As rúas da cidade antiga: o Calexón das Curuxas

A torre municipal do reloxo e, entre ela e o pazo de Bendaña, o Calexón das Curuxas

Non virá o seu nome en ningún plano ou rueiro. Google maps rotúlaa como “rúa Lanzós” erroneamente. Ata o Concello se refire a ela por outros nomes. E iso que hai portas que abren a esta vía do centro histórico de Betanzos, flanqueada por edificios nobiliarios que suman séculos de tradición. O Calexón das Curuxas arrinca ao pé da torre municipal e, entre o Pazo de Bendaña e a igrexa parroquial de Santiago e a casa reitoral desemboca, agora si, na rúa de Lanzós por medio dunha humilde escalinata.

Do seu nome popular non se lembra ningunha placa, nin no metacrilato cobalto nin no granito labrado da zona monumental. De feito, o Concello tense referido a el en numerosas ocasións como “o calexón de Facenda”, nun neoloxismo relacionado co uso actual do pazo de Bendaña. Así o reseña, por exemplo, na información sobre os puntos onde coloca servizos sanitarios durante a celebración da Feira Franca Medieval. Nin sequera os nacionalistas, cando pavimentaron por vez primeira unha ruela que tiña chan de terra, aló polo 2006, chamaron a esta rúa polo seu nome. Calexa de Santiago chamáronlle, malia que a toponimia é tamén patrimonio e que desenvolvían naquela altura tamén un proxecto para recoller a microtoponimia da parroquia de Tiobre.

Esta estreita vía, depósito de colectores de lixo na actualidade, encerra un grande patrimonio histórico, ademais do topónimo popular. En primeiro lugar, a porta lateral do pazo de Bendaña, orixinariamente das cabaleirizas e cocheiras da casa solariega, sobre a cal campa, en opinión do cronista oficial da cidade, o escudo do segundo marqués de Bendaña, orixinado todo nunha reforma no século XVIII do vello pazo gótico. Na outra banda ofrece unha visión das tres ábsidas da igrexa de Santiago, cunha singular fiestra barroca rodeada de anxiños e outros tragaluces que non teñen par no resto de fachadas exentas do templo. Finalmente, ofrece unha singular vista, elevada, de parte do antigo barrio da rúa Nova.

E por que o nome tradicional das curuxas? O mito di que as curuxas, ese pequeño moucho branco tan vencellado ás agras cultivadas, chuchaba o aceite das lámpadas das igrexas deixando os santos a escuras. E a tradición sitúa polas fiestras desta escura ruela a entrada destas aves de presa nocturnas no templo matriz da cidade. O certo é que a presenza de curuxas nesta parte da cidade perdura aínda a día de hoxe, pois aniñan en torres elevadas como as agullas que ofrece o templo de Santiago, desde onde poden cazar morcegos, ratos ou ratas polas ruas do Casco Histórico e nas hortas das proximidades. En inverno non é raro oír o característico chío desta ave que debería dar nome a esta ruela de xeito oficial, pois oficiosamente leva décadas dándollo.

Advertisements