O PSOE insiste en exixir á Xunta cartos para o Pasatempo

O muro caído no estanque da gruta do Pasatempo. Foto do blog “Parque del Pasatiempo”

O goberno municipal demandou á Xunta que poña cartos para rehabilitar o Pasatempo aínda que non estea declarado todavía Ben de Interese Cultural. Ao executivo socialista entroulle a présa e a preocupación co Pasatempo agora e insiste en que a Xunta “xa aportou para outros proxectos executados en Betanzos e noutras zonas de Galicia cuxas instalacións non están declaradas BIC nin tan sequera son públicas”.

O PSOE mantén a súa postura e asegura que a Deputación poñerá o 45% do orzamento de rehabilitación do parque- que se descoñece a canto ascende- e que o Concello asumirá outro 10%- tamén cun montante total indeterminado. Exixe á Xunta que corra co 45% restante, sen saber a canto ascende. A memoria valorativa presentada como proxecto polo PSOE en setembro cifra nuns 1,3 millóns de euros o importe mais o propio executivo local recoñecía estes días que se irá a máis.

O goberno local aínda rexistrou esta pasada semana a solicitude de declaración de Ben de Interese Cultural para os vestixios que quedan da Horta de Don Juan. Non aclarou se a solicitude comprende restos coma a estatua da Caridade, a Fonte das Catro Estacións ou o último vestixio do peche perimetral do parque cara o Carregal ou se só está o recinto alén da estrada de circunvalación. A solicitude chega, se foi presentada oficialmente, logo de anunciar varias veces que se presentara, sen rexistrala.

Advertisements