A Xunta evita poñer en marcha o tren de proximidades galego diferíndoo ao enésimo estudo sobre a liña A Coruña-Betanzos-Ferrol

Mapa da media distancia de Renfe nas liñas que pasan pola nosa cidade, que evidencia o potencial dunha liña de proximidades

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, anunciou onte a sinatura dun contrato para elaborar “estudos de alternativas existentes para a mellora da liña de ferrocarril entre Ferrol e A Coruña”. O prazo será de seis meses e o obxectivo, segundo explica a Xunta nun comunicado é “dispoñer dun coñecemento exhaustivo do funcionamento do servizo ferroviario entre Ferrol e A Coruña e as posibilidades de actuación para mellorar a súa modernización, mellorando a súa funcionalidade e competitividade”.

Os estudos que realizará a Consellería de Infraestruturas e Vivenda consisten na realización dunha análise dos desprazamentos actuais dos cidadáns a través do corredor A Coruña-Ferrol e da súa mellora a través de determinadas actuacións que poidan servir para optimizar os tempos de percorrido. “Máis polo miúdo, os traballos suporán a análise e estudo das infraestruturas ferroviarias e o seu trazado para mellorar significativamente tanto os servizos de viaxeiros como os de mercadorías sobre a liña actual” sosteñen desde o departamento responsable da mobilidade.

En relación ao transporte de viaxeiros estudaranse as variantes que permitan incrementar a velocidade de operación, conseguindo tempos de viaxe máis baixos que os actuais e competitivos cos que actualmente se poden conseguir desprazándose pola estrada. No que se refire ás mercadorías, estudarase o aumento das cargas máximas que poida remolcar calquera locomotora que circule pola liña, coa fin de favorecer a intermodalidade ferroportuaria e mellorar a oferta de transporte de mercadorías na zona urbana Ártabra. Esta análise tamén inclúe unha comparativa de tempos de percorrido actuais nas liñas de transporte público regular no corredor A Coruña- Ferrol e futuros coas propostas plantexadas, así como unha avaliación das sinerxias existentes entre o transporte por ferrocarril e estrada e viceversa para optimizar a mobilidade nesta zona.

Con estes estudos, a Xunta evita dar cumprimento ao acordo parlamentario promovido polo BNG e aprobado por unanimidade para crear un servizo galego de ferrocarril de proximidades no Arco Ártabro e difire, unha vez máis, o asunto ao enésimo “estudo” sobre o tema.

Advertisements