O BNG censura que Abegondo condicione servizos a promover unha nova urbanización en San Marcos

Imaxe da proposta do goberno para ordenar a zona do Centro de Abegodo

O BNG pediu ao goberno local do PP “responsabilidade e prudencia” en relación coa redacción do Plan Especial para o desenvolvemento previsto en San Marcos. Dende o BNG cuestionan a pretensión do alcalde de seguir adiante co Plan especial que contempla 35 vivendas e baixos comerciais no núcleo de San Marcos, pese a ter o PXOM anulado polo TSXG e á espera de sentenza do Supremo. “Parécenos un acto dunha irresponsabilidade terríbel por parte do goberno iniciar esta urbanización mentres estamos pendentes de saber se se produce a anulación definitiva do PXOM”, indicou a portavoz do BNG de Abegondo, Cristina López.

“Pensamos ademais que non ten ningún tipo de urxencia esta actuación xa que a pesar da campaña ‘Abegondo quérete’ o concello segue a perder poboación e polo tanto non hai unha demanda de nova vivenda que xustifique a urxencia desta urbanización”, engadiu a nacionalista. “Pretender xustificar mediante a promesa dun centro de saúde, moi necesario, e doutro equipamento público a construción de máis vivendas parécenos lamentábel” engade. Segundo o BNG, “o que tiña que facer o alcalde era reservar solo dotacional no Plan xeral para estes equipamentos”. Critican, polo tanto, que o PP faga pasar por condición imprescindíbel para ter un novo centro de saúde seguir a promover vivendas no concello malia o devalo poboacional. “Non se poden condicionar os servizos que a veciñanza precisa ás cesións de polígonos de vivenda residencial” censura Cristina López

Os nacionalistas concluíron recordando ao PP que é unha irresponsabilidade que pode ter consecuencias para o Concello e pediron ao alcalde “que deixe de gastar cartos públicos en recorrer contra os propios veciños e en urbanizar –no caso de San Marcos o alcalde anunciara que o custo da urbanización ían ser 727.275 euros e gran parte sen especificar a cantidade sería de cartos públicos- para beneficiar intereses particulares”.

Advertisements