Patrimonio obriga a retirar os bancos da punta San Mamede por agredir o castro

A Xunta, a través da Direción Xeral de Patrimonio, ordenou a retirada dos bancos cos que o Concello de Sada pretendía ter o seu “banco máis bonito do mundo” en punta San Mamede, na parroquia de Carnoedo. O goberno local de En Marea, por medio do concelleiro de Obras Miguel Tenreiro, decidira instalar un par de bancos sobre o antigo castro do promontorio para facerlle competencia ao famoso banco de Loiba, en Ortigueira.

O Concello viuse obrigado a retirar os bancos por afectar ao castro de Amandi e mais a zona sensible do ecosistema marítimo, sen autorizacións de Costas nin de Patrimonio. A súa colocación provocou unha agre polémica social, con veciñanza e entidades como a Sociedade Galega de Historia Natural criticando a medida polo seu impacto nun ecosistema sensible e polos danos que un incremento de presenza humana e lixo provocaría no entorno.

O goberno de Sadamaioría, marca local de En Marea, reiteraba por boca do alcalde que buscará outras maneiras de “poñer no mapa” turístico este enclave algo que, sostén, se debe a unha reclamación veciñal.

Advertisements