“A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo” recala este domingo no Alfonsetti

O Alfonsetti continúa sen equipamento audiovisual

Este domingo 26 de marzo ás 18:00 h no Cine Alfonsetti terá lugar o espectáculo “A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo” dentro do programa de Promoción e Fomento da Lingua 2017 da Deputación da Coruña e organizado en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos. A entrada é de balde ata cubrir o aforo.

Este espectáculo para público infantil de 3 a 9 anos de teatro que mestura monicreques e personaxes reais ten unha duración de 60 minutos. Esta actividade ten como finalidade o fomento da lectura, a promoción da lingua galega e a educación en valores, ademais intenta estimular a creatividade e a imaxinación e favorecer a socialización en galego entre as crianzas. Logo do espectáculo e como actividade complementaria, haberá un obradoiro para os nenos e as nenas máis maiores de elaboración de marcapáxinas, decoración de lápis ou fabricación de cadernos e axendas.

Neste espectáculo o trasno Floripondio quere conseguir o diploma de “contacontos viaxeiro”. Para conseguilo debe impresionar á mestra “Tomasa Que Che Pasa”. Coñecer as partes dun libro, saber contar historias e entender o seu fondo, son algunhas das habilidades que o trasno Floripondio debe ter para conseguir o diploma. O espectáculo, sempre dende o humor e o dinamismo, trata temas como o fomento da lectura e a igualdade. Bromas, conxuros, participación da cativada, música en directo, mestura de actores e monicreques; son algúns dos ingredientes deste espectáculo centrado nos libros e no que o público participa moi activamente

Advertisements