Varias actividades conmemoran o Día da Poesía nos centros de ensino

Vista do IES As Mariñas

Por terceiro ano consecutivo, o Concello realizará diversas actividades dirixidas ao alumnado de primaria e secundaria dos centros de ensino da localidade con motivo do Día mundial da Poesía, que se celebra o día 21 de marzo, coa finalidade de potenciar a sensibilidade, e a imaxinación a través da poesía, ademais de promover o uso da lingua galega como ferramenta de creación literaria. A proposta pretende que se leven a cabo distintos espectáculos poéticos nas datas próximas ao Día da poesía, tanto nos centros de ensino de primaria, o CEIP Francisco Vales Villamarín e o CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, como nos centros de ensino de secundaria, o IES As Mariñas e o IES Francisco Aguiar.

O vindeiro 24 de marzo haberá no IES As Mariñas e no IES Francisco Aguiar para arredor de douscentos alumnos e alumndas de ESO diversas sesións do espectáculo de poesía “Moita poesía, pouca diversión”, unha proposta das poetas galegas María Lado e Lucía Aldao música en directo, xogos, historias que rodean os poemas, momentos de reflexión… mais sobre todo hai comunicación poética pura e verdadeira.

Os textos que compoñen o recital son poemas propios, creados polas dúas poetas, algúns inéditos e outros recollidos en libros ou revistas. A música, parte substancial do espectáculo, pona a guitarra e a impresionante voz de Lucía. O título non é outra cousa máis ca unha metáfora e pretende chamar a atención daqueles que miran a poesía de reollo. Partindo deste presuposto Aldao e Lado presentan un recital de poesía ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co espectador, no que este adquire ademais un papel activo.

Así mesmo, na mañá do 28 de marzo, tanto o CEIP Francisco Vales Villamarín como no CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” realizaranse, diversas sesións do espectáculo-recital de poesía infantil “A poesía é un globo” do escritor galego Fran Alonso, que explica que é a poesía, con recursos da oralidade, música ou teatro: sons, marionetas, voces, serpentinas… Para o recital, animado, empréganse recursos que teñen que ver coa oralidade, coa música ou co teatro: emprego de voces, utilización de pequenos instrumentos e fondos musicais, recusos de son, marionetas de distinto tipo, figuras, asubíos, serpentinas, etc. Esta actividade está programada para o alumnado de distintos niveis de primaria e chegará a algo máis de douscentos nenos e nenas.

Advertisements