O Santo Domingo cae ante o Narón e non amarra aínda a permanencia

Se hai un equipo que lle ten collida a medida ao Santo Domingo pode ser, sen dúbida, o CB Narón. A pasada fin de semana os de Ferrolterra volveron impoñerse aos betanceiros tras un mal terceiro cuarto, que hipotecou as opcións de triunfo do conxunto betanceiro, por 76 a 81.

O partido correspondente á 22ª xornada do grupo AB da Liga EBA comezaba para os de Diego Fernández coas baixas de Aarón Regueiro e Juan Miramontes por lesión, pero cun O Santo moi acertado en ataque, atopando vantaxes con accións de Will Pereiro unido ao acerto desde o perímetro (13-7 min 5). Os visitantes tamén comezaban a carburar desde o 6,75, e con tres triplos consecutivos conseguían igualar a contenda. Axustaban mellor os locais en defensa, mentres que mantiñan certa fluidez ofensiva para terminar o primeiro cuarto cunha renda de tres puntos (24-21 min 10).

No segundo cuarto, o ritmo do partido seguía o mesmo deseño. Vantaxes locais que roldaban os 3-5 puntos, ante un Narón que mantiña o seu acerto desde o perímetro, sumando nuevamente tres lanzamentos de tres de forma consecutiva. O Santo Domingo, aínda así, seguía por diante, grazas á achega ofensiva de Vidal e Thiam, que saían desde o banquiño (36-32 min 15). Equilibrábanse as forzas nos minutos previos ao descanso. Crecían as defensas á vez que decaía o ritmo anotador. Un triplo de Aller a vinte segundos do final deixaba o marcador en táboas (39-39 min 20).

Tras o descanso, chegaban os peores minutos do conxunto de Diego Fernández. Apagón ofensivo xeneralizado, que tamén afectaba aos de Pablo Rodríguez, con numerosas imprecisiones e desacerto no tiro (42-44 min 25). Con todo, os visitantes conseguían despegarse nos minutos finais do terceiro cuarto, con outros dous triplos seguidos de Brandenberg, para pechar con outro de García, que lles permitía acabar este parcial cunha vantaxe de sete puntos, ante un Santo que só sumaba na pintura (49-56 min 30).

No cuarto final, os de Narón mantiñan a súa boa liña ofensiva, xogando máis cómodos ante a vantaxe que tiñan. Mentres, o Santo Domingo acusaba os nervios e as precipitacións por querer remontar, chegando a ter desventajas de ata once puntos. Nos minutos finais, os betanceiros, liderados na ofensiva por Vidal e Rozas, conseguían recurtar diferenzas, aínda que os visitantes seguían sumando grazas especialmente aos rebotes ofensivos de Gill, oito en total, que lle permitían anotar en segundas accións. No entanto, o Santo chegaba a situarse a só tres puntos, e atacaba catro abaixo a falta de vinte segundos, pero perdían o balón, terminando así as súas opcións de remontada (76-81 min 40).

A próxima xornada o Santo Domingo renderá visita ao Estudiantes Lugo, o domingo día 2, ás 19:00 horas, no Pazo Universitario de Lugo.

Advertisements