A confraría ultima os preparativos para seis desfiles procesionais

Abeal, presidente da Confraría, e outros colaboradores preparando detalles dos desfiles

Coa Semana Santa asomando xa á volta de folla do almanaque, os integrantes da confraría da Semana Santa ultiman os preparativos para os seis desfiles procesionais que sairán ás rúas, se o chuvioso abril o permite, entre o 9 e o 15 de abril. Será co patrocinio do Concello e intercalado con outras iniciativas como o concurso fotográfico que dará o cartel do vindeiro ano- o deste ano está comezando a aparecer nas rúas- ou o ciclo de música sacra.

Os cofrades afananse estes días en vestir imaxes e preparar túnicas e complementos agardando a que dean as cinco da tarde do domingo día 9, cando partira da igrexa de San Domingos a procesión da entrada en Xerusalén, coa imaxe da burriña comprada hai uns anos en Portugal. Seguiralle o Via Crucis que partirá da igrexa das Agostiñas o mércores 12 ás 20 horas.

A procesión que máis imaxes congrega é a do Xoves Santo, que arrinca simultaneamente desde varios templos ás nove e media do serán para protagonizar o Santo Encontro na praza da Constitución. O venres terá ración dobre co Santo Enterro que sae de San Domingos ás sete e media do serán e a dos Caladiños, que hora e media máis tarde parte de San Francisco. Pecha o ciclo a da Soidade, o sábado 15 ás seis e media da tarde. Este desfile, o último en incorporarse ao calendario de procesións, protagoniza o cartel deste ano.

Advertisements