Fomento anuncia que instalará en xuño un semáforo en Guísamo

A N-VI ao seu paso por Guísamo

O Ministerio de Fomento confirmou onte ao Concello de Bergondo que instalará en xuño un semáforo no paso de peóns de Guísamo. As medidas chegan despois de meses de protestas veciñais a pé deste paso de cebra, que rexistrou numerosos accidentes. Segundo explicaron onte desde o Concello, Estradas mellorará ademais a seguridade neste punto con nova sinalización led e procederá ademais a retirar as bandas rugosas tralas queixas dos residentes.

O Ministerio de Fomento redacta unha mellora global da vía en Guísamo e Cortiñán e prevé expoñer ao público o proxecto a final do primeiro semestre deste ano. O Executivo municipal avanzou onte que o plan de construción dunha rotonda no cruce da estrada de Ferrol incluirá tamén unha pequena glorieta á entrada de Guísamo, na intersección coa estrada de Cambre, a AC-214.

A rexedora e o primeiro tenente de alcalde reuníronse despois co delegado provincial da Xunta, Ovidio Rodeiro, para coñecer as medidas de seguridade vial instaladas na AC-162, o vial que enlaza San Isidro e Gandarío. O Executivo municipal aproveitou para pedir o repintado de varios tramos do vial e un paso de cebra de acceso á praia de Gandarío.

Advertisements