O Concello convoca un concurso de carteis e outro de creación literaria

O Concello de Betanzos bota a andar a programación das Letras Galegas 2017 co VIII Concurso de carteis, que este ano se centrará na figura do escritor Carlos Casares.

O cartel escollido polo xurado do VIII Concurso de carteis das Letras Galegas será o que ilustre o Programa das Letras Galegas 2017 do Concello de Betanzos. A entrega dos premios farase nun acto público e outorgarase un primeiro premio ao cartel seleccionado e dous accésits.

Os carteis que se presenten ao concurso deberán ter como motivo a figura homenaxeada neste ano, Carlos Casares, e realizarse de xeito individual ou en grupo, ademais de axustarse ás bases. Os traballos poderanse entregar ata o vindeiro 21 de abril nas secretarías do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, do CEIP Francisco Vales Villamarín e do Centro Pai Menni ou no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos (Oficinas Xerais, edificio Liceo).

Concurso de creación literaria

O concello convocou tamén o VII Concurso de creación literaria coa intención de promover a escrita creativa entre o alumnado de secundaria dos centros educativos de Betanzos.

Este ano o concurso abre o prazo durante todo o mes de abril e ata o vindeiro 8 de maio de 2017, coincidindo coa programacion do Día Internacional do Libro e da Lectura e o Día das Letras Galegas. Ademais, como novidade, este ano o VII Concurso de creación literaria contará cunha categoría máis aberta a calquera persoa maior de idade.

Entre os obxectivos do VII Concurso de creación literaria están promover o emprego escrito da lingua galega e fomentar a creación literaria xuvenil. Neste concurso hai dúas modalidades de participación, relato curto e poesía, e cada participante poderá presentar un só texto ao concurso.

Tamén se establecen tres categorías nos premios, haberá un primeiro premio e un accésit na categoría do alumnado da ESO, outro na categoría de Bacharelato e ciclos formativos e un último na categoría aberta para calquera persoa maior de idade.

Todos os traballos deberán presentarse en lingua galega e o tema é libre. Os traballos poderán entregarse ata o vindeiro 8 de maio na secretarías do CPR Nosa Señora do Carme-Atocha, do IES Francisco Aguiar e do IES As Mariñas, no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos (Oficinas Xerais, edificio Liceo) ou na Biblioteca Municipal Alfonso Castelao.

As persoas interesadas nestes concursos poden solicitar máis información do VII Concurso de creación literaria do Concello de Betanzos no Servizo de Normalización Lingüística do Concello, no teléfono 981 770 011 (extensión 2224) ou no enderezo electrónico normalizacion@betanzos.net.

Advertisements