A Deputación demanda melloras no tren entre A Coruña, Betanzos e Ferrol

Campaña polo tren de cercanías

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade unha declaración institucional reclamando melloras na conexión ferroviaria entre as comarcas da Coruña e Ferrol. Así mesmo, a institución comprométese a dar traslado destas demandas á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Fomento. A Deputación mantén que “estes dous grandes núcleos de poboación da provincia manteñen unha precaria comunicación a nivel de transporte público”. Na actualidade, as conexións entre A Coruña e Ferrol desenvólvese a través dunha autoestrada con prezos de peaxe moi elevados, ou por medio de liñas de autobuses que contan cunha frecuencia escasa.
Para solventar estas carencias, a Deputación pide “unha reacción nas institucións con capacidade e competencias para a definición de rutas e infraestruturas para a mellora do ferrocarril”.

Entre as vantaxes do transporte por tren, a institución provincial cita “o prezo, a sostibilidade e a capacidade de transporte de persoas e mercadoría”. Así mesmo, a Deputación apunta á “débeda histórica” para mellorar as conexións neste “sector do eixo atlántico, que posúe potentes centros industriais, académicos e económicos”.

Entre estas actuacións consideradas prioritarias, atópanse un incremento de frecuencias para axustalas aos horarios laborais e estudantís da veciñanza, a mellora das estacións intermedias entre ambas urbes, unha combinación axeitada cos servizos de FEVE, un plan de fomento con bonificacións e prezos competitivos, e a inclusión da liña ferroviaria no Plan de Transporte Metropolitano, que ofrecería prezos vantaxosos para persoas maiores, estudantes, menores de 18 anos ou desempregados.

Así mesmo, a Deputación da Coruña propón a construción dunha bifurcación en Betanzos, para evitar o desvío ata Infesta nos servizos directos, e poder reducir así os tempos da viaxe ata lograr un traxecto sen paradas de 25 minutos entre A Coruña e Ferrol. A medio prazo, tamén se pide que se acondicione a liña tal que como se establecía no Convenio da Xunta co Ministerio de Fomento no ano 2000, o cal permitiría que se combinasen liñas directas cos servizos con paradas.

Advertisements