Advirten de diferenzas entre a taxa aprobada e as tarifas do complexo deportivo do Carregal

Piscina descuberta de Betanzos. Imaxe do web municipal

O BNG advertiu no Pleno que as tarifas que está a publicitar a nova concesionaria do complexo deportivo do Carregal non se corresponden coas taxas previstas na ordenanza fiscal vixente. Explican que a ordenanza, dispoñible no portal de transparencia do Concello, prevé “unhas taxas inferiores ás que a concesionaria inclúe na publicidade que está a repartir”. Con varios exemplos, o BNG advirte que as diferencias “van máis alá dun redondeo, como é evidente”.

Os nacionalistas sospeitan que estas son as tarifas que está a cobrar realmente a concesionaria, apartándose do que a ordenanza fiscal vixente, e visitable no web municipal, prevé. Por este motivo, demandaron ao goberno local que aclare “se ten constancia de que se cobren unhas tarifas distintas das que recolle a ordenanza fiscal”. Demandan que se adopten as medidas necesarias para poñer fin a esta situación.

“Aínda que as persoas que utilizan o complexo deportivo din que coa nova empresa concesionaria o servizo é mellor, resulta evidente que existe unha falta de control sobre os ingresos e de falta de seguimento do contrato a pesar de que o Pleno aprobase nomear unha persoa encargada do contrato para evitar o descontrol que se viña producindo, con esta e outras concesionarias coma o Hotel San Roque ou a ORA” relata Del Río. “Un descontrol que montaron e consentiron os sucesivos gobernos de PSOE e PP, e que fai que sempre paguemos os pratos rotos as veciñas”, denuncia.

Neste sentido, desde o BNG recordan que defenderon no Pleno analizar pormenorizadamente a posibilidade de recuperar a xestión municipal directa sobre o complexo deportivo do Carregal, cunha concesión que remata en tres anos. “Lamentabelmente o resto dos grupos da Corporación non o apoiaron”, conclúen.

Advertisements