En Marea exíxelle ao goberno español o recheo urxente da praia de Sada, pechada ao baño por fecais

Vista marítima de Sada. Foto: Matías Membiela.

En Marea anunciou que pedirá fondos das contas do Estado para o recheo da praia de Sada. Anunciárono nunha visita á localidade os deputados Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, acompañados do alcalde, Óscar Benito Portela. A tese de En Marea- que goberna a localidade coa marca Sadamaioría- é que encher o areal das Delicias- a praia urbana- con area extraída do fondo da ría no banco de desove de Lorbé é un investimento “vital” para Sada xa que “impulsarían a creación de emprego e a cultura emprendedora”.

Esta emenda aos orzamentos do Estado súmase así ás misivas que o alcalde sadense enviou xa ao goberno español para urxir estas actuacións e “cumpra co seu compromiso que foi reiterado en numerosas ocasións nas reunións mantidas nos distintos departamentos”. Portela sostiña non hai moito que hai “indignación” en Sada porque non se rechea esta praia que a Xunta acaba de pechar ao baño para o vindeiro verán a causa da contaminación por fecais que rexistra.

O rexedor, Benito Portela, recordaba nunha carta recentemente que  “esta actuación, de importancia vital para Sada, leva desde o pasado 4 de setembro de 2015 en fase de avaliación na licitación que realiza a Dirección Xeral de Sostenibilidad da Costa e do Mar” e censuraba que “seguimos sen ter noticias desta actuación medioambiental”. “Sada necesita urxentemente esta actuación” para impulsar “a creación de emprego e a cultura emprendedora”.

O proxecto de recheo do areal sadense provocou unha agre polémica o pasado verán. Os pósitos da ría e unha decea de colectivos ambientais posicionáronse contra a intención de extraer area en Lorbé, nunha zona utilizada como desovadoiro e cría por unha ampla lista de especies mariñas de interese comercial. Baleirar de area a zona supoñería, sostiñan nunha comunicación conxunta, unha medida cun impacto ecolóxico desmedido na ría betanceira e, de rebote, perder unha zona de cría de especies comerciais co conseguinte impacto no emprego e economía en torno á ría de Betanzos.

Hai unhas semanas, co balance do pasado ano, a Xunta recomendaba non bañarse no areal sadense das Delicias polo elevado nivel de concentración de bacterias asociadas a verquidos de augas fecais sen depurar. Con esta medida, o goberno galego bota por terra a tese de En Marea de que investir no recheo da praia urbana de Sada sexa unha medida estratéxica para crear emprego na vila xa que, como indica a Xunta, haberá que rotular a advertencia de baño desaconsellado, co conseguinte impacto para o turismo.

Advertisements