Fiscalía pide máis de dous anos de cadea a dous responsables de Betanzos HB por un accidente laboral

Unha vista da planta de Tafisa, instalada en 1975 na nosa cidade

Dous anos e cinco meses de prisión para o responsable da madereira Tafiber- agora Betanzos HB- e outro tanto para a encargada do departamento de seguridade da factoría por entender que “omitiron as máis elementais medidas de precaución exixibles de acordo cos seus coñecementos técnicos e funcións a fin de salvagardar a integridade dos traballadores baixo o seu mando”. É o que solicita a Fiscalía no escrito remitido ao  Xulgado de Instrución número 3 de Betanzos solicitando a apertura de xuízo oral contra os dous responsables da planta por un accidente laboral rexistrado o pasado 24 de abril de 2014 no que resultou ferido grave un traballador.

O accidente rexistrouse na zona das caldeiras, o lugar no que desempeñaba habitualmente o seu traballo o empregado que sufriu o accidente. Segundo detalla o Ministerio Público no seu escrito de denuncia, ao redor das dez da mañá saltou a alarma da caldeira catro, na zona do dispositivo que separa os restos dos materiais que veñen dos silos que alimentan as caldeiras. O traballador escorregou na escaleira, caeu cara ao tornillo e enganchou a luva nunha das varillas. A consecuencia do percance padeceu varias fracturas no brazo que precisaron de intervención quirúrxica e plástica, enxertos de pel e tratamento de rehabilitación e psiquiatría.  O tempo de curación das feridas foi de 338 días impeditivos e ten recoñecida unha discapacidade definitiva do 56% desde febreiro de 2015. Ás secuelas físicas, a Fiscalía suma unha síndrome ansiosa depresiva.

O Ministerio público sostén que o responsable da madereira de Betanzos e a encargada de seguridade omitiron “as máis elementais medidas de seguridade exixibles” e que “non procuraron as medidas de protección suficientes esixidas legalmente”. No seu escrito de acusación, a Fiscalía apela concretamente á ausencia dunha parada de urxencia do equipo accesible en todo momento aos traballadores. Sostén ademais que “permitiron que a carcasa de protección do tornillo sinfín non estivese atornillada nin fixada, polo que non cumpría a función establecida de impedir o acceso ás zonas móbiles”.

Segundo a Fiscalía, ambas persoas serían ademais quen “autorizaron a colocación dunhas varillas metálicas na parte final sen documentar a súa existencia” e que, xa que logo, “non estaban avaliadas en materia de seguridade”. Para rematar, o Ministerio Público denuncia que os acusados “non adoptaron medidas para que a pasarela da escaleira non tivese restos de materiais que a facían escorregadiza”. “Se os acusados procurasen a realización do traballo coas medidas de seguridade e protección colectivas adecuadas evitarían ou terían reducido considerablemente o accidente que se produciu”, conclúe a fiscal, que ve probado que ambos responsables incurriron nun delito de lesións causadas por imprudencia grave e outro contra os dereitos dos traballadores.

Por este motivo o Ministerio Público pide ao xulgado  que rexeite o recurso presentado polos acusados, que pediron o sobreseimento da causa e alegaron indefensión pola suposta falta de motivación da denuncia.

Enfrontan outra denuncia por delicto ambiental

O escrito da fiscal para reclamar a apertura de xuízo oral contra estes dous responsables da madereira entrou nos xulgados o pasado 8 de marzo. A acusación coincide no tempo con outra investigación en marcha contra esta empresa por un suposto delito contra o medio ambiente. Esta causa tamén parte dunha denuncia de Fiscalía, que imputa á empresa Tafiber, subrogada pola entidade Betanzos HB, dun delito en materia de xestión de residuos por prácticas que incumplirían a normativa vixente.

Dúas sentenzas da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia consideraron probado que a planta destruíu, no pasado, residuos de forma irregular. Na sentenza 623/2006 o alto tribunal galego concluía que desde 1986 a factoría viña verquendo á ría de Betanzos sen autorización e na 559/2004 os xuíces, no terceiro fundamento de Dereito, suliñan que o recorrente recoñece parcialmente a veracidade dos feitos denunciados por axentes da Garda Civil, do Seprona-Lugo, que se personaron nas instalacións da empresa Maderas Pedreira SL, do que levantaron acta” resultando que “o serrín mesturado con pentaclorofenato sódico” era eliminado nunha estufa propia en inverno e “resto época o elimina unha empresa de tableiros de Betanzos, á que chaman erroneamente “Pradema” pero que en toda a causa se identifica con Tradema, logo Tafiber e hoxe Betanzos HB.

Advertisements