O alcalde de Sada cesa no GALP ao edil do BNG e abre unha crise política no tripartito

Benito Portela, no centro, alcalde de Sada, xunto a Santiso Miramontes, alcalde de Abegondo (dereita)

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Sur está no centro da polémica desde que a concelleira do PP de Sada Nuria Castro lograse a mellor puntuación nun proceso selectivo para cubrir un posto técnico pese a que as bases establecían que non podían optar cargos electos da Administración local. O edil sadense de turismo, o nacionalista Liss Becerra, facía parte da comisión baremadora e, cando se fixo pública a proposta de contratación desta persoa incompatible co cargo, asegurou que non asinara a acta porque albergaba “dúbidas razoables” sobre o proceso e emitiu un escrito ao GALP, consensuado polas tres forzas do tripartito municipal (Sadamaioría, BNG e PSOE), para impugnar a elección. A xunta directiva decidiu finalmente paralizar o proceso ata que emita un informe a Xunta e o pleno xa tomou xa coñecemento da dimisión da concejala popular.

Mais as medidas administrativas para avaliar a legalidade da contratación súmanse a unha segunda fronte, a política. O alcalde de Sada, Óscar Benito Portela (Sadamaioría, marca local de En Marea), decidiu cesar ao edil do BNG como representante do Concello na xunta directiva do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Sur. O BNG sadense emitiu un comunicado amosando a súa “perplexidade” pola “inadmisible” decisión do alcalde, xa que, cren, pretende “poñer en dúbida” o desempeño do edil.

A formación nacionalista desvelou ademais que o alcalde informou da súa decisión á concelleira do BNG, Isabel Reimúndez, “alegando que era unha decisión tomada pola asemblea de Sadamaoría, que pedía ademais o seu cese como concelleira de Comercio, Turismo e Medio Ambiente”. “O alcalde afirmou á edil que só o cesaría no GALP porque ‘era mellor cortar un dedo que un brazo”, aseguran desde o Bloque. “A confianza ou se ten ou non se ten” sosteñen os nacionalistas nun comunicado.

O conflicto mantense enquistado e o BNG tampouco aclara no seu comunicado que pasos dará se non lle convencen as explicacións que demanda e que o rexedor non parece proclive a dar.

Advertisements