O Concello pide suxestións para elaborar o III Plan de Igualdade

Malia levar xa dous plans de igualdade, o goberno socialista mantén a coroación das raíñas das festas, cuestionada por sexista

O goberno loca,l solicitou a colaboración veciñal, por medio do web ou dunha caixa de correo situada nas oficinas de servizos sociais, para elaborar o III Plan de Igualdade. Sen facer pública aínda a avaliación do anterior, que expirou hai máis dun ano, aseguran que “as medidas de conciliación, a posta en valor da participación da muller na sociedade, a coeducación, prevención da violencia de xénero e a eliminación de calquera discriminación, atínxenlle a toda a poboación”.

A campaña comeza co envío ás asociacións, comunidade educativa e axentes sociais duns cuestionarios para recoller as súas propostas. Ademais, recompilarase información para elaborar un estudo diagnose sobre a muller no municipio que tamén se incluirá no III Plan. “Calquera pode facernos chegar as súas propostas ao longo deste mes de abril” explica o comunicado remitido, no que se engade que “coas suxestións recompiladas comezaremos a redacción do novo plan a partir do mes de maio”.

Advertisements