Comercios de Betanzos exhibirán poemas de alumnado do CEIP Vales Villamarín

A rúa do Rollo é unha das rúas máis comerciais da cidade

“Betanzos. Poesía no comercio” é o nome da campaña de promoción da poesía e da lingua galega que bota a andar o vindeiro 17 de abril con motivo do Día Internacional do Libro e da Lectura e que terá lugar ao longo de todo o mes de abril e maio, encadrándose tamén na celebración do Día das Letras Galegas. A proposta pretende darlle a máxima difusión ás creacións poéticas que o alumnado do CEIP Francisco Vales Villamarín creou ao longo de todo o mes de marzo, mes no que se celebrou o Día da Poesía. Os betanceiros máis miúdos crearon máis de cento cincuenta poemas que se espallarán por todo Betanzos grazas á colaboración de diversos comerciantes locais.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos colabora e organiza co Equipo de Dinamización Lingüística do CEIP Francisco Vales Villamarín a posta en marcha desta proposta pola que amosaron o seu interese moitos comerciantes que distribuirán os poemas entre a súa clientela desde mediados do mes de abril ata finais do mes de maio.

Todos os establecementos comerciais colaboradores anunciarán nun lugar visible a súa colaboración e darán a coñecer e espallarán as creacións poéticas que os nenos e as nenas do devandito centro educativo crearon ao longo de todo o mes de marzo. Esta proposta encádrase dentro da programación que o Concello de Betanzos organiza con motivo da programación do Día Internacional do Libro e da Lectura e do Día das Letras Galegas.

Todos aqueles establecementos que queiran participar poderán anotarse ata o vindeiro venres día 7 de abril comunicando a túa participación no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos (Oficinas Xerais) a través do teléfono 981 770 011 (ext. 2224) ou no enderezo electrónico normalizacionARROBAbetanzos.net.

Advertisements