Nin un euro do Estado para sanear a ría nas contas de 2017

A ría de Betanzos no Pedrido

Os orzamentos xerais do Estado presentados onte no Congreso dos Deputados non deparan sorpresas para a comarca polo seu contido. Se acaso, polas súas ausencias, xa que non hai rastro de ningunha das grandes actuacións comprometidas polo PP campaña tras campaña. Nin en Betanzos nin nos concellos da comarca.

O investimento máis chamativo é o previsto para a liña ferroviaria. Para a variante de Betanzos inclúense medio millón de euros, proxectando ata 2019 a actuación que debería chegar aos 4 millóns. De entrada, para este ano, a contía reservada polo Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (Adif) para a renovación da liña semella claramente insuficiente para acometer as demandas reclamadas, como a electrificación da liña e o baipás de Betanzos. O ramalillo, a vía entre A Coruña, Betanzos e Ferrol, ten cen anos de antigüidade, adoece de deficiencias estruturais que fan que non resulte competitiva e que fan que cubrir a distancia entre as dúas cidades leve máis dunha hora de media. Así que a contía apunta máis ben á encarga do enésimo proxecto para mellora do trazado, toda vez que continúa no conxelador o proxecto de adaptar este ramal para ter as mesmas prestacións que o resto do corredor atlántico e se mantén, polo tanto, a discriminación da nosa comarca e a ferrolá en canto accesos ao transporte público ferroviario.

Si ten que ver co tren na comarca un investimento que aparece nomeado mais sen contía concreta: eliminar pasos a nivel das vías do tren en Oza-Cesuras, aínda que contemplado dentro dun plan con outras supresións.

O groso do investimento estatal lévano as reformas no centro penitenciario de Teixeiro, en Curtis. Tralos 1,8 millóns consignados en 2016, agora inclúese unha partida de 1,3 millóns. Desapareceu das contas do Estado tamén a vía proxectada para conectar a saída da A6 en Montellos coa N-VI sobre o cruce da Espantosa, en paralelo ao polígono de Piadela e o enlace da AP9 coa macrourbanización Costa Miño Golf cifrado nun millón de euros.

Nos orzamentos non figuran dous das actuacións máis demandadas nos últimos anos tamén na comarca: a rexeneración- en realidade recheo- da praia de Sada, que chegou a licitarse en 2015 e parouse e as rotondas en Bergondo. Os alcaldes dos dous concellos aseguran que o goberno central garante ambas actuacións e o PP bergondés mesmo anunciou semáforos para a N-VI. Das partidas de seguridade viaria e mantemento en estradas estatais desaparece a N-VI, que só se nomea para rehabilitar a rodadura da ponte da Pasaxe, xa na Coruña. Comprométese mantemento da A-6, sen citar tramos, tendo en Coirós e Aranga algúns dos pavimentos máis deteriorados.

Sobre o culebrón do recheo da praia de Sada nada. Pero tampouco hai nada para rexenerar a ría de Betanzos, malia situar a Directiva Europea da Auga o límite para depurar todas as augas que se verquen ao mar en 2015. A ría terá que esperar outro ano.

Advertisements