Un ciclo de música sacra preludiará a Semana Santa

A banda nun concerto na igrexa franciscana. Foto de http://www.banderosbetanzos.com

Este venres arrincan os actos previos da Semana Santa betanceira coa estrea do seu segundo ciclo de música sacra. Erguerá o pano desta edición o coro Cantábile, que ofrecerá un recital en San Francisco o venres ás oito e media do serán. Será ao remate da misa solemne na honra da Nosa Señora das Dores, que se celebrará no templo mendicante logo de abrir ao público, ás sete e media do serán, da mostra de maquetas de arte sacra cedidas por Francisco Escudero.

Ao día seguinte, sábado 8, o ciclo trasládase a Santa María do Azougue, onde a Coral Polifónica de Betanzos ofrecerá un concerto despois do pregón da Semana Santa que dará o Sr. D. Álex Escoda, novicio xesuita. As restantes citas do ciclo de música sacra retornarán á oxival franciscana ás oito e media do serán: o 9 haberá un concerto por conta de Clara Jerihovschi, soprano, Fátima Carro, ao piano e Adrián Fernández, co clarinete. Seguiralles o día 10 o concerto a cargo de Clara Jerihovschi, soprano; Pablo Carballido, tenor; Pedro Martinez, barítono e Gabriel López, pianista. O ciclo rematará o día 11 coa actuación  do grupo instrumnetal Siglo XXI en colaboración coa Camerata Brigantina.

Advertisements