Conformismo e críticas aos orzamentos do Estado para a nosa comarca

Vista da Ría de Betanzos

O Goberno local de Bergondo manifestou onte que estaba tranquilo porque Fomento aseguroulle que aínda que non figurase especificado, habería cartos para a seguridade vial en Guísamo e Cortiñán, coa execución das rotondas, que se sacaría de partidas “xenéricas”.

O primeiro edil de Oza-Cesuras, Pablo González, afirmou que está satisfeito co orzamento estatal porque inclúe unha partida para eliminar parte do noiro que sostén a vía do tren ao seu paso polo centro urbano do Castiñeiro Son 800.000 euros e farase baixo o noiro unha rúa de dúas direccións con beirarrúa. Agradeceu a intermediación do presidente da Xunta para lograr esta obra.

O Goberno sadense manifestou o pasado martes, o mesmo día en que se daban a coñecer os orzamentos e estes non incluían partida específica para o proxecto de rexeneración da Praia, que consiste nun recheo con grandes cantidades de area,  pendente desde fai dous anos.  O Executivo central prometeulles que habería cartos pero en partidas “genéricas”. Onte con todo, nun comunicado, o Concello arremeteu contra o Partido Popular e falou de “traizón aos veciños de Sada”. O alcalde, Benito Portela, lamentou que esta falta de partida “malia a reiteración do compromiso con Sada desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e de Medio Ambiente”. Portela asegurou que a exclusión do recheo da praia no orzamento do Estado para este ano súmase á negativa da Xunta para colaborar na obra contra as inundacións, polo que conclúe que “Sada está sendo marxinada polo PP”.

O BNG criticou a caída do gasto dos orzamentos do Estado nos concellos da comarca das Mariñas. “Non hai partida ningunha reservada para a rexeneración ecolóxica da ría de Betanzos, que se recollera nas contas no 2012 pero nunca chegou a executarse”, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López.

Os orzamentos do Estado tampouco recollen partida para adoptar medidas que minimicen as inundacións no barrio da Ribeira en Betanzos. “Polo que nos trasladaron os veciños e veciñas, que se limpase a canle do río podería mellorar bastante a situación e non se trata dunha actuación demasiado custosa”, explicou a voceira nacionalista. “Ademais sabemos xa hai algún proxecto redactado desde hai anos con posíbeis solucións para a Ribeira, que entendemos que se debera valorar economicamente e comezar a executar para dar solución a un problema que afecta a veciñanza deste barrio varias veces no ano” engadiu.

Os nacionalistas criticaron o insuficiente orzamento para melloras na seguridade viaria na N-651 nos barrios betanceiros da Ribeira e a Ponte Vella así como na N-VI na Angustia (Betanzos), en Coirós, Aranga e no concello de Bergondo. “Aínda que o goberno local anunciou que o Ministerio construirá unha rotonda en Guísamo, seguimos botando en falta outras medidas  como unha pasarela peonil no Espiritu Santo, onde o Ministerio de Fomento a prometeu no ano 2010 despois de varios atropelos, mais parece que se esqueceu do tema” abundou López.

O BNG advirte de que os orzamentos xerais do Estado confirman que se abandona a equiparación do tren entre A Coruña, Betanzos e Ferrol co eixo atlántico. “Apenas 50 000 euros para o enésimo estudo sobre o baipás de Infesta parecen, a estas alturas, unha broma macabra”, engadiu a nacionalista. “As contas xerais certifican o abandono do xa célebre estudo para a implantación do tren de proximidade, unha partida que se pospón ano tras ano e que para o 2017 non contará sequera con dotación orzamentaria”, concluíu López.

Advertisements