Denuncian o enterramento dos entullos do secadoiro no polígono do Espírito Santo

Imaxe do edificio contiguo ao secadoiro, con restos en pé da fábrica. Fotografía remitida polos veciños

A Asociación de Recicladores de Residuos de Construción e Demolición de Galicia (Arcodega) anunciou que ven de presentar unha denuncia ante a Consellería de Medio Ambiente e o Seprona polo enterramento dos entullos procedentes da demolición do secadeiro de lúpulo betanceiro. A denuncia baséase na “neglixente xestión” dos entullos, que, segundo a entidade, “comprobamos como os enterraron detrás dunha nave abandonada no polígono do Espírito Santo, moi próxima á sé da ITV, sen ningún tipo de tratamento de materiais e reciclaxe”.

O voceiro da entidade explica que “fixemos un seguimiento durante os últimos días e comprobamos como se enterrou o material detrás dunha vella nave de cerámica, e todo ese material gráfico poñerémolo a disposición das autoridades competentes”. Tanto o Real Decreto 105/2008 como a Lei de Residuos establecen que os residuos de demolición e construción deben ser sometidos a un proceso de valorización e reciclaxe “e baixo ningún concepto poden ser depositados fóra dunha planta de tratamento ou sen un xestor autorizado pola Xunta”. “Obviamente, este non é o caso” sosteñen desde a entidade que agrupa, precisamente, aos xestores autorizados de entullos.

Os traballos na limpeza do solar que ocupou o secadeiro reanudáronse nas últimas semanas tras meses suspendidos. A licenza de demolición foi concedida o 27 de agosto do ano 2015 e fixaba un prazo de seis meses para acometer os traballos. En decembro de 2016 o BNG trasladaba ao pleno a denuncia dos veciños do bloque contiguo porque o solar do secadoiro quedara cheo dos entullos, con afeccións ás súas propiedades e á vía pública. “Ignoramos por que non foron retirados os cascotes ou se existen prazos para facelo”, declaraba o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Tamén sería interesante saber se o Concello prevé sancionar os promotores e responsables da obra por esta situación”, remataba o edil nacionalista.

Segundo a licencia concedida polo executivo local, o responsable técnico da demolición era o arquitecto técnico Xosé Isidro Doporto Santos, exedil do BNG e candidato e integrante de Betanzos Novo, e os propietarios, as sociedades Fernando Chas SL, Construcciones Rivera Betanzos SL e Saboyal SL.

Advertisements