En Marea exixe ao BNG que cambie de posición sobre o Pazo de Meirás para mantelo no goberno de Sada

Vista do Pazo de Meirás

O alcalde de Sada, Benito Portela, advertiu onte nun comunicado ao BNG que o pacto de goberno non corre perigo sempre e cando o BNG mude de criterio sobre o tratamento recibido no Plan Xeral polo Pazo de Meirás. Os nacionalistas cuestionaron publicamente a solución introducida no planeamento por Sadamaioría- a marca local de En Marea- insistindo en que as torres de Meirás teñen que ser devoltas gratuitamente ao pobo de Sada sen pagar ningunha indemnización aos Franco. En Marea propuña expropiar a casa dos gardas e unhas parcelas situadas fóra da muralla do pazo aos Franco. Como toda expropiación, sería pagándolles aos Franco por unha casa e fincas froito do expolio, segundo teñen documentado os historiadores locais Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo. Para tratar de facer ver que non era dar agasallo aos descendentes do dictador, anunciaron tamén unha proposta no Parlamento Galego para levar unha proposición de lei ao Congreso para tratar de modificar a Lei de Memoria.

Portela inclúe este recado exixindo un cambio de postura ao BNG na resposta que os nacionalistas exixían por apartar ao edil Liss Becerra do Grupo de Acción Costeira. Segundo o alcalde de En Marea, a decisión debeuse “ás accións e omisións da actuación de Becerra no procedemento selectivo, así como á información transmitida, e tamén a silenciada polo concelleiro ao conxunto do goberno”. Becerra asegura que informou en todo momento ao goberno do proceso e que non asinou a acta porque albergaba dúbidas sobre o proceso. Sadamaioría di pola contra que o edil non informou ao Executivo de que as bases impedían presentarse a cargos electos, pese a que era a súa responsabilidade estar ao tanto destes extremos como representante do Concello no GALP.

“Se a vontade das forzas políticas do goberno é continuar co pacto non queda outra expectativa que o seu apoio ao PXOM”, advirte Portela. Un PXOM que inclúe expropiación e pago aos Franco polas parcelas situadas fóra da muralla do Pazo de Meirás.

Advertisements