Miño recula na suba de salarios anunciada para os empregados do Concello

O goberno local de Miño nun Pleno. En primeio plano o alcalde, de MPA, e ao fondo o grupo municipal do PP

Con versións diferentes entre o alcalde e o concelleiro de persoal, o goberno municipal de Miño anunciou que dá marcha atrás na súa proposta da Relación de Postos de Traballo (RPT) e apraza a mesa de negociación prevista para hoxe que convocou fai unhas semanas. Con este novo adiamento, o executivo conformado polo alcalde e único edil de MPA e os seis do PP deixa novamente sen cumprir a sentenza que en 2012 obrigaba ao Concello a redactar e aprobar unha RPT.

O goberno local situara nos orzamentos unha suba de salario a boa parte do persoal, sen xustificar como casa este incremento retributivo coas restricións que o plan de axuste obrigatorio para o Concello impoñería. O plan de axuste, á súa vez, debería garantir a devolución do préstamo de 12,5 millóns para pagar a débeda principal aos expropiados de Fadesa, mais o goberno local non o elaborou nin presentou para aprobación plenaria polo momento.

O goberno non dá prazos para cumprir coa sentenza que o obriga a redactar e aprobar a RPT. Alcalde e concelleiro de persoal ofrecen versións distintas sobre os motivos desta manobra e o edil de persoal, do PP, mesmo se desmarcou da proposta de subas salariais realizada polo goberno do que forma parte.

Advertisements