O PSOE sumase á reclamación de recheo da praia de Sada, pechada ao baño por fecais

Vista de Sada desde a ría Foto. Matías Membiela.

Os deputados autonómicos Juan Díaz Villoslada e Begoña Rodríguez Rumbo desprazáronse onte ata Sada para reunirse coa portavoz socialista, Raquel Bolaño, e coñecer as demandas do municipio. Os deputados avanzaron que esixirán á Xunta que inclúa Sada no mapa de zonas con risco de inundación e que execute as obras precisas “para evitar consecuencias catastróficas no futuro”.

O PSOE anunciou na visita á vila costeira que presentará unha enmenda aos orzamentos xerais do Estado para que se inclúa unha partida para executar o proxecto de rexeneración da praia de Sada. O proxecto contempla extraer area do banco de cría de Lorbé e depositala no areal urbano de Sada, nunha medida cuestionada por entidades ecoloxistas e as confrarías da ría por afectar a unha zona de cría de numerosas especies da ría de Betanzos, moitas delas con aproveitamento comercial.

Os socialistas parecen asumir así a tese do alcalde sadense, que di que o recheo do areal é a clave para crear emprego na vila a costa de destruír un banco de cría para a flota pesqueira de toda a ría. Unha praia que, ademais, a Xunta acaba de pechar ao baño para a vindeira tempada estival a causa da elevada presenza de bacterias asociadas a verquidos de augas fecais sen depurar. Malia este dato, En Marea e PSOE teiman en investir fondos públicos no recheo dun areal que non se vai poder utilizar para o baño a costa do banco de cría de Lorbé.

Advertisements