Reclámanlle medio millón de euros a Miño por non dar unha licenza de ocupación

O goberno local de Miño nun Pleno. En primeio plano o alcalde, de MPA, e ao fondo o grupo municipal do PP

A promotora da urbanización da Barrosa, nas proximidades da vía do ferrocarril na entrada a Miño desde Betanzos, acaba de reclamarlle ao Concello de Miño máis de medio millón de euros como compensación polas perdas ocasionadas por non dar a licenza de primeira ocupación á urbanización. Mantuano Galicia, domiciliada en Madrid, reclama unha unha indemnización de 558 102 euros por denegarlle o Concello “unha e outra vez” a cédula de habitabilidade “sen base” e “sen ningunha fundamentación xurídica”.

Son un total de 18 vivendas e 6 locais os afectados pola negativa do goberno municipal miñense a dar a respectiva licenza. Segundo a promotora,  a xunta de goberno acordou denegar a licenza de primeira ocupación para o edificio o 16 de xullo de 2014, sendo alcalde o popular Jesús Veiga. A empresa presentou un recurso contra esa resolución que, segundo explica, non foi respostado, obrigando a acudir ao contencioso-administrativo. O Xulgado nº1 da Coruña estimou, en decembro de 2015, a súa reclamación ordenando ao Concello- xa con Ricardo Sánchez Oroza como alcalde- outorgar dito permiso. “A sentenza adquiriu firmeza o 6 de xaneiro de 2016 e, malia iso, vostedes non concederon a licenza de primeira ocupación ata meses posteriores”, recrimínalle a promotora ao Concello.

A empresa asegura que o “funcionamento anormal” do Concello causoulle unha lesión patrimonial pola caída dos prezos do mercado, a depreciación das vivendas, pola resolución de contratos de compraventa e por danos ocasionados polo vandalismo nas vivendas baleiras. En total, reclama  558 102 euros en compensación.

Esta urbanización xa tivo unha orixe controvertida que acabou nos xulgados tras denunciar ADIF o proxecto de compensación por negarlle o Concello a propiedade de parte do chan que ocupa a urbanización, nas inmediacións da vía férrea Betanzos-Ferrol.  Os xuíces deron no seu momento a razón ao organismo estatal e obrigaron a realizar varias modificacións.

Á poxa un solar de Costa Miño Golf opr máis dun millón de euros

Por outra banda, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 2 da Coruña saca a poxa, en vía de prema, unha parcela da urbanización Costa Miño Golf, das comercializadas por Martinsa-Fadesa. A cantidade que se reclama ao dono é de 330.624 euros pero a leira, de 1,6 hectáreas, está valorada en 1,1 millóns.

Advertisements