Un mantón de Jorge Vázquez para o Ecce Homo, novidade dunha Semana Santa de 25 000 euros

Vía Crucis baixando a Fonte de Unta. Imaxe sacada da conta de facebook da confraría

Un orzamento superior aos 25 000 euros é o que baralla a confraría da Semana Santa para os actos que comezou a desenvolver a pasada semana. Segundo explicaron na presentación dos desfiles o pasado xoves, proceden das cotas dos cofrades, achegas individuais, a colaboración de empresas e do Concello de Betanzos. Parte da aportación municipal son os custos da publicidade, incluída a cartelería e as tres mil revistas con toda a programación que reparten desde a pasada semana por todo Betanzos.

Na presentación responsables da confraría e do goberno municipal reiteraron que en poucos anos lograron situar a Semana Santa betanceira xunto ás ferrolá e viveirense e explicaron que a Xunta ten xa nas mans un amplo dossier solicitando a declaración como festa de interese turístico galego insistindo no papel que a Semana Santa xoga na promoción turística da cidade.

A principal novidade deste ano será un novo mantón para o Ecce Homo no seu percorrido o Xoves Santo na procesión do Santo Encontro. É obra do deseñador Jorge Vázquez e ten tres metros de longo, o que obrigou a modificar toda a disposición de andas e peana da imaxe venerada no templo de San Francisco para poder lucir a prenda.

Os desfiles comezaron onte coa procesión da Burriña, que fixo percorrido de ida e volta desde San Domingos, de onde partiu ás cinco e media da tarde, ata San Francisco, onde se celebrou unha misa e logo retornou do antigo convento franciscano ao excenobio dominico. Outra das novidades foi que nese desfile se incorporaron palmas traídas expresamente do palmar de Elx, substituíndo os tradicionais ramos galegos de loureiro e olveira.

Mentres non chega o mércores, en que sairá das Agostiñas a procesión do Vía Crucis, desenvólvese toda esta semana o ciclo de música sacra.

Advertisements