Bergondo mellora o alumeado no Pedrido

A ría de Betanzos no Pedrido

O Concello de Bergondo anunciou que ven de culminar os traballos de renovación do alumeado público na localidade do Pedrido, unha das zonas máis turísticas do municipio. En total se instalaron 77 puntos de luz do sistema led nas rúas, as estradas principais, as zonas de lecer e o paseo da praia de cara á mellora do aspecto deste areal do municipio e para aforrar na factura eléctrica. A actuación tivo un custo de 82 000 euros, que foron aportados pola Deputación a través dun plan provincial.

A praia do Pedrido continúa afectada por unha cepa de hepatite radicada nas pías da ponte da autoestrada AP9, polo que permanece pechada á actividade extractiva e recoméndase non utilizala para o baño. Do outro lado do viaduto, a praia do Regueiro está pechada ao baño pola Xunta a causa dos verquidos de augas fecais, que provocan altas concentracións de bacterias prexudiciais para a saúde. De feito, coa praia de Gandarío tamén con recomendación de non utilizar para o baño na vindeira tempada estival, ningunha das praias bergondesas nas que a Xunta realiza analíticas sobre a calidade da auga é apta para o baño, o que podería supoñer un importante prexuízo económico para a localidade. Porén, non hai grandes actuacións en materia de saneamento nas contas do bipartito PSOE-En Marea para reconducir a situación.

Advertisements