O Santo domingo amarra a permanencia cun triunfo sobre POZO SOTÓN BVM 2012

Cinco puntos de diferencia que supoñen unha tempada máis en EBA. O Santo Domingo venceu a domicilio ao Pozo Sotón BVM 2012 por 81 a 86 e selaba da mellor forma posible o pasado sábado a súa permanencia na Liga EBA, cunha vitoria de prestixio ante un dos equipos máis en forma da liga, o Pozo Sotón, tras dominar o marcador durante case todo o encontro. Para o partido, correspondente á 24ª xornada do grupo AB da Liga EBA, Diego Fernández contaba coas baixas de Aarón Regueiro e Juan Miramontes.

No campus de Mieres, o  Santo Domingo, que co triunfo en Lugo evitara calquera opción de descenso directo, buscaba selar o seu permanencia escapando da posibilidade de ser undécimo ao final de liga, posto que podería supoñer a perda de categoría no caso de que Zamora descenda de LEB Prata. Para iso, necesitaba gañar, ou esperar a derrota de Innova Chef en Chantada. Pola súa banda, os locais, cunha racha de catro triunfos seguidos, e unha marca de 13-2 tralo seu mal arranque nas oito primeiras xornadas (2-6), buscaba seguir dependendo de si mesmo para clasificarse ao play-off de ascenso a LEB Prata.

Os galegos saían decididos a competir desde o inicio e evitar unha escapada local no primeiro parcial. Intercambio de canastras nos compases iniciais, ata que os locais facían valer o seu poderío interior con Parada e Pereira para tomar as súas primeiras vantaxes; os betanceiros atopaban en Will ao seu referente neste arranque (15-9 min 5). Crecían os betanceiros desde a defensa, mellorando ante os pívots locais, e soltábanse en ataque, cun xogo fluído e dinámico, sumando tanto en transicións como con numerosos tiros exteriores liberados. Ata catro triplos sumaba o Santo Domingo neste cuarto. A entrada en pista dos xogadores que saían desde o banquiño daba ao Santo Domingo un impulso, e cun parcial 0-10, con puntos de Martín, Vidal e Escobar, terminaban o primeiro cuarto cunha renda de cinco puntos, e boas sensacións colectivas (23-28 min 10).

No segundo cuarto, os betanceiros asestaban un golpe importante ao encontro. Férrea defensa na pintura, cedendo únicamente tres canastras en xogo, e bo xogo en ataque, malia estancarse no lanzamento exterior, ao non anotar ningún dos lanzamentos abertos dos que dispoñía neste periodo. Os visitantes abrían diferenzas no electrónico aos poucos, cun xogo coral, e sumando ata cinco xogadores diferentes. Con dúas canastras de Thiam, o Santo Domingo alcanzaba unha renda de 14, que inclusive podería ser maior de anotar Rodrigo un lanzamento triplo do que dispoñía sobre a bocina (34-48 min 20).

Tralo descanso, o conxunto de Diego Fernández saía coa intención de manter unha liña de xogo similar, e moi concentrados ante a previsible reacción dos locais, moitísimo en xogo neste encontro. Aguantaban os galegos o empuxe dos asturianos, e malia a cuarta falta de Rozas conseguían apenas ceder un punto mediado o terceiro cuarto (42-55 min 25), nun tramo de partido no que se recuperaba o acerto desde o triplo. Os de Jorge García, liderados por Hausman en ataque, seguían tendo problemas para sumar con canastras en xogo, anotando só dous desde o minuto 25 ao 30, mentres que o Santo Domingo desaproveitaba algún tiro libre, tras un alto acerto na primeira parte, para aumentar a súa vantaxe, que se mantiña idéntica á do intermedio (53-67 min 30).

Bos minutos tanto en ataque como en defensa no último cuarto, destacando de novo a achega desde o banquiño, con cinco puntos seguidos de Escobar e un triplo de Dani. A vantaxe, que chegara a ser de 17 no terceiro cuarto, era de quince puntos mediado o cuarto periodo (62-77 min 35). Con todo, e cando mellor parecían estar as cousas para o Santo Domingo, chegaba a reacción do Pozo Sotón.

Liderados por Hausman desde o perímetro, e con Pereira facéndose forte no rebote, os de Mieres recortaban diferenzas, aproveitando o bajón ofensivo visitante. Os galegos recuperaban por momentos o bo xogo ofensivo, pero erraban algúns lanzamentos cómodos e ata catro tiros libres consecutivos, mentres os locais seguían achegándose, ata situarse a só tres puntos (79-82 min 39). Pasos no seguinte ataque, e balón para os locais buscando o empate. Varios lanzamentos exteriores seguidos non entraban, ante o sufrimento do equipo visitante para pechar o rebote, chegando unha canastra de Hausman para situarse a un punto a falta de dez segundos.

O Santo Domingo sacaba en campo dianteiro, e Pablo recibía unha falta rápida que lle mandaba ao tiro libre, sumando ambos lanzamentos. Os locais dispoñían posteriormente dun triplo moi forzado de Hugo Rodríguez que non entraba, rebote de Thiam, que recibía unha falta a catro segundos do final, selando o triunfo betanceiro ao sumar os dous lanzamentos (81-86 min 40).

Gran vitoria do Santo Domingo, duodécima da tempada, que lle permite selar a súa presenza un ano máis na liga EBA, con aínda dúas xornadas por diante, na que o conxunto brigantino buscará quedar o máis arriba posible. Logo do parón de quince días debido á celebración da Semana Santa o Santo Domingo recibirá a visita doutro candidato a xogar a fase de ascenso a LEB Prata, o Residencia Lass Encinas de Ponferrada. O choque celebrarase no Carregal, o sábado 22, ás 19:00 horas, nunha xornada que terá horario unificado. Baloncesto Narón (13-11), Santo Domingo e Rosalía (12-12) pelexarán polos postos do sétimo ao noveno.

Advertisements