Ordenan por quinta vez o derrubo de dúas vivendas ilegais en Sada

A Terraza de Sada

A Axencia da Protección da Legalidade Urbanística impuxo unha quinta multa coercitiva á promotora de dúas vivendas ilegais con piscina edificadas na parroquia sadense de Soñeiro. Xa tiña ordenado, sen éxito e ata en cinco ocasións, a demolición destas construcións e unha parcelación urbanística e a reposición dos terreos ao estado anterior ao comezo das actuacións.

A APLU publicou onte no Diario Oficial de Galicia a quinta multa por unhas obras que “resultan incompatibles co ordenamiento urbanístico vixente” nun proceso que se remonta a xuño de 2012 e que suma unha nova orde de derribo por cada ano transcorrido. Ante a imposibilidade de contactar cos interesados, do mesmo xeito que en ocasións anteriores, a Xunta publicou a resolución no DOG, dando dez días de prazo aos interesados para ver a documentación. A Xunta podería chegar a executar de forma subsidiaria a derriba e repercutir o custo aos promotores.

Advertisements