O goberno local pecha o Pasatempo por unha praga xusto cando se anuncia outra xornada de limpeza

O Pasatempo

O goberno local anunciou onte que pecha a parte histórica do Pasatempo durante a Semana Santa. O anuncio debeuse, segundo o executivo local, á presenza dunha praga de cydalima perspectalis, tamén coñecida como avelaíña asiática ou “papabuxos”, un insecto de orixe china que se estende polos xardíns con buxos de Galicia desde hai anos.

As previsións son que desde hoxe e ata novo aviso o xardín histórico permaneza pechado para a aplicación dun tratamento fitosanitario. En teoria, o martes de Pascua é o umbral previsto para a reapertura do Pasatempo, mais dependerá da evolución do tratamento, que á súa vez dependerá, entre outros factores, da climatoloxía. Segundo explica o goberno local esta praga está a afectar aos buxos de todo o norte da península Ibérica e estendeuse por 1579 metros cadrados do Pasatempo. O executivo local lamentaba onte as “molestias” xeradas por esta pechadura parcial, que coincide precisamente cun dos momentos de maior afluencia de turistas a Betanzos.

O certo é que as características arañeiras e o aspecto seco e sen follas desta praga hai tempo que están presentes en Betanzos. Parte dos buxos da Porta da Vila que o goberno local substituíu, primeiro por palmeiras e logo por loureiros e outras matas de flor, presentaban esta patoloxía. Do mesmo xeito, algún pé dos buxos case centenarios do cemiterio vello teñen tamén este parásito. Na comarca, os ataques desde verme teñen provocado alarma nos coidadores do xardín do Pazo de Mariñán, con labirintos e deseños xeométricos a base deste arbusto.

Casualmente, o anuncio do peche chega uns días despois de que a plataforma para salvar o Pasatempo convocase unha nova quedada para, en concreto, retirar as hedras que ocultan dúas esculturas, prevista para o Xoves Santo.

Advertisements