Dúas bandas tributo e Roi Casal, nas festas

Un lanchón areeiro participando o pasado ano nos Caneiros

A publicación das actuacións concedidas aos concellos da provincia na Rede Cultural 2017 da Deputación no Boletín Oficial da Provincia de onte desvelou algúns dos números que o goberno local argallou xa para o San Roque 2017. Son dúas actuacións de bandas-tributo e un concerto de música galega. O BOP non consigna en ningún lado que sexan actuacións para as festas patronais, mais o esquema seguido nos últimos anos coa programación e o licitador así o parecen confirmar.

A Francisco Gómez Seijo o Concello, por medio da rede cultural da Deputación, contrátalle dous espectáculos de música profesional. Son os titulados “Entre Sabina y Sanz: tributo Alejandro Sanz y Joaquín Sabina”, que custa 4356 euros, e “7 vidas (Dani Royo Band)”, tributo a Antonio Flores, por outros 3751 euros. En total, este contratista levará 8107 euros. Gómez Seijo é un habitual nas contratacións do goberno local do PSOE, que ademais o situou no xurado da semana do pincho e a da tortilla. Desde que compuxo o “Himno do Dépor” con Gandhi, este empresario colocoulle ao Concello de Betanzos actuacións desta súa banda, da Banda del Camión e doutros conxuntos que representa, ademais de presentarse un ano ao concurso para a licitación das orquestras. O goberno do PSOE cedeulle, ademais, o Pasatempo para organizar un festival de rock, o Roque&Roll que naceu con pretensións de continuidade e quedou en flor dun día.

A outra actuación profesional que pola súa entidade parece destinada ás festas de San Roque é a do músico folk Roi Casal, que presentará “Son galego, son cubano: Xira homenaxe a Xosé Neira Vilas e á Emigración Cubana”. Cobrará polo concerto de presentación do seu novo espectáculo 5929 euros. A maxia podería retornar á programación das festas patronais tamén coa actuación do Mago Antón  co seu espectáculo “Onde está o mago Antón?”, cun custo de 1500 euros. O espectáculo foi durante anos un clásico nas festas de agosto, se ben podería ter encaixe noutras programacións municipais, coma o festival de música e teatro na rúa Vai de Rúa.

O outro concerto de música profesional incluído na Rede Cultural da Deputación é a actuación do Trío Brigantia por 525 euros, que parece destinado a un ciclo de música ou a algunha actuación polo Día das Letras ou fin de curso nalgún centro escolar. Figuran tamén unha actuación de música amateur coa Coral El Eco (600 euros) que parece para un encontro de corais ou similar e unha actuación do Mago Benxamín, como actuación amateur, que semella destinada ao público escolar, ben nos centros escolares ou no certame Vai de Rúa.

Aparece tamén o espectáculo “As dríadas: exire a orixe” como a única entrada de danza profesional. O ano pasado a compañía presentouse ao público betanceiro no certame Vai de Rúa e semella que repetirá este ano. Á mesma comercial Artestudio Xestión Cultural SL contrátaselle os espectáculos “Contos a 3” e “Maxia a 3”, que poderían incluirse no mesmo Vai de Rúa ou no ciclo de teatro en familia. Para este último evento parece ir destinada a actuación de Teatro del Andamio SL con “A Festa dos nenos coa cincenta”. “Xandobela: Para lingua, a nosa”, é outra programación netamente infantil incluída nas actuacións concedidas ao Concello de Betanzos.

Cine en familia a conta da Rede Cultural

A Rede Cultural patrocina tamén, polo que parece, o vindeiro ciclo de cinema en familia, contratado a Ignacio Benedetti Cinema SL. Dúas películas “xerais”, “El libro ed la selva” e “Los minions: la película” e dous de cinema galego, “Maimiño e o espello máxico” e “O apóstolo”, que suman 1804 euros. En total, coa rede cultural da Deputación o Concello recibe 24 405 euros para programación cultural.

Advertisements