O PSOE fumiga o Pasatempo cun insecticida moi tóxico para a auga

Cartel co precinto do Pasatempo polo tratamento

O goberno local anunciou hai dous días a clausura da parte histórica do Pasatempo para aplicar un tratamento fitosanitario contra a avelaíña asiática, coñecida como papabuxos por atacar estes arbustos cunha característica arañeira, deixando peladas as sebes e provocando, en moitos casos, a morte. Onte colocou o precinto co aviso sobre o tratamento elixido, a duración do mesmo e outros detalles- similar a outro anuncio ubicado no paseo da Galera-, facendo efectivo o precinto do xardín histórico.

Resulta que o goberno local decidiu precintar o parque o día 12, cando recoñece no propio anuncio que non aplicará o tratamento ata o 17. Isto é, que durante toda a Semana Santa o Pasatempo permanecerá pechado porque á volta aplicarán un tratamento. Isto, para a plataforma en defensa do parque, que tiña prevista outra acción reivindicativa no xardín hoxe mesmo, é un pretexto para evitar que o turismo que poida recibir estes días a cidade poida comprobar a veracidade das denuncias sobre o abandono do Pasatempo por parte dun goberno local que non contemplou investimentos para a conservación do xardín nos orzamentos de 2012, 14 (aprobados só polo PSOE) e 16 (co apoio do PSOE e os dous grupos de En Marea no Concello, BN e BeC).

O peche manterase desde que se aplique o tratamento ata que se retiren os carteis precintando o acceso ao xardín centenario. O produto elixido é a deltametrina, un dos compoñentes máis habituais para os insecticidas sistémicos. Mentres que para os mamíferos, este insecticida é clasificado como seguro, é moi tóxico para a vida acuática, particularmente os peixes, e xa que logo debe ser utilizado con extrema precaución ao redor de zonas de auga.

Debido ao seu amplo espectro e pola súa acción insecticida por contacto e elevado poder insecticida, a deltametrina úsase para controlar as formas adultas, e os estadios ninfais dos insectos que non penetraron no interior dos tecidos vexetais.  A deltametrina está clasificada como moderadamente tóxica pola Organización Mundial da Saúde para as persoas. Os formulados comerciais están clasificados normalmente como nocivo ou non clasificado, segundo a concentración. Dado que a deltametrina é unha neurotoxina, ataca o sistema nervioso e non ten antídotos.

O seu impacto ambiental é notable: do mesmo xeito que todos os piretroides, o deltametrín é escasamente selectivo, por iso é particularmente nocivo para toda a entomofauna auxiliar útil nos cultivos ou na xardinaxe. Quere dicir isto que mata por igual aos insectos que fan a plaga como a outros moitos inocuos para as plantacións ou mesmo beneficiosos, caso das xoaniñas que contribúen a manter a raia os ataques dos pulgóns. O seu uso debe ser, xa que logo, limitado e circunscrito de modo que o seu efecto nocivo sobre a fauna util sexa baixo ou nulo. E resulta moi nocivo cando entra en contacto coa auga para todos os organismos acuáticos, sexan peixes, larvas de libélulas ou outros insectos ou mesmo cágados.

A elección do tratamento por parte do goberno local resulta, pois, desafortunada polo emprazamento dos xardíns a tratar, a carón dos estanques do Pasatempo, que desaugan no Mendo. Todo o curso de auga podería verse afectado por este potente insecticida sistémico, podendo alcanzar os seus efectos a outras especies en perigo de extinción que se teñen localizado na zona. O goberno local aplicou o mesmo tratamento aos parterres ubicados a carón da fonte-estatua no paseo da Galera, a escasos metros do cauce do Mendo.

Hai alternativas selectivas no mercado a prezos similares

Segundo un vendedor de produtos fitosanitarios de Betanzos que prefire gardar o anonimato, existen produtos no mercado moito máis específicos para atallar a praga do papabuxos, sen impacto no medio. Sinala, por exemplo, os tratamentos a base de Bacillus Thurigiensis, unha bacteria que actúa sobre os vermes matándoos por contacto, moi coñecida nas plantacións froiteiras xa que evita un insecticida sistémico coma o que pretende utilizar o goberno local no Pasatempo, que afectaría tamén ás abellas, incidindo na polinización da froita e ulterior colleita. Moitas das presentacións comerciais desta bacteria están, ademais, certificadas para agricultura ecolóxica polo que o seu respecto ambiental está garantido.

Outro tratamento doado de obter, e certificado tamén en ecolóxico, é o produciro pola fermentación dunha bacteria actinomiceto denominada Saccharopolyspora spinosa. Produce unha neurotoxina que non afecta aos depredadores dos insectos atacados por este insecticida natural.

Recente polémica polo uso de herbicidas sistémicos a carón das fontes

O BNG denunciou recentemente que, en lugar de desbroces, o goberno local estaba a aplicar herbicidas sistémicos a carón das fontes tradicionais. Coma no caso dos insecticidas sistémicos, estes produtos atacan por igual a toda a flora, sexan as herbas que se pretenden eliminar dun carreiro ou árbores ou froiteiras próximas. Ao facelo a carón dos cursos de auga, aféctase tamén a cantas especies vivan no curso ou a carón del, extendendo os efectos do veleno. O goberno local aínda non aclarou que produtos utilizou neste caso e por que optou por estes tratamentos agresivos.

Unha Reserva da Biosfera para a postal turística

Tanto a aplicación de insecticidas coma de herbicidas sistémicos por parte do executivo local en lugares próximos a auga- sexa o Pasatempo, un paseo á beira do Mendo ou a carón das fontes nos camiños rurais- son prácticas que colisionan coas boas prácticas ambientais que deberían orientar a actuación dunha Administración Pública integrada na dirección dunha Reserva da Biosfera. Desde logo non semella ser o caso do Concello de Betanzos.

 

Advertisements