Denuncian un vertido de fecais pola beiravía dos camiños en Ansimonde, Miño

Imaxe do vertido. Fotografía remitida polo BNG

O BNG-Asembleas abertas de Miño denunciou un vertido da rede de saneamento en Ansimonde. “Semella que o bombeo situado en Santa Uxía que da servizo ao lugar de Ansimonde non está funcionando ou está apagado e a través do aliviadoiro estanse vertendo directamente á cuneta augas residuais”, explicou a portavoz do BNG-Asembleas abertas de Miño, Olalla Barro.

Segundo informaron as nacionalistas este vertido vense producindo dende hai polo menos 15 días, sen que polo de agora a veciñanza teña recibido explicación ningunha do goberno local. “Pensamos que o goberno local ten que explicar porqué se está vertendo directamente augas fecais, se pensa actuar para solucionalo e en que prazos o vai facer”, engadiu a voceira do BNG-AA.

“As augas residuais saen dun tubo que deixaron canalizado pola cuneta e que fai as funcións de aliviadoiro do bombeo para cando hai algún problema de funcionamento, e que termina despois dunha importante baixada no rio Lambre”, informaron as nacionalistas.

Dende o BNG-AA demandaron do goberno local información e solucións aos problemas de funcionamento da rede de saneamento, xa que non é a primeira vez que se producen vertidos temen favorecido polo deficiente estado das depuradoras debido a falta de mantemento ou a sobrecarga de residuos a que están expostas sobre todo no verán polo aumento da poboación.

Advertisements