Vinte empresas compiten para rehabilitar a segunda Casa Gótica, da Xunta

Plano para a rehabilitación da segunda casa gótica, cedida polos Romay á Xunta

A Xunta informou de que son un total de vinte empresas as que presentaron proposicións para facerse co contrato de rehabilitación da segunda casa gótica da rúa da Cerca, un inmoble do século XVI cedido pola familia Romay Beccaria á Xunta despois de que o Concello abrise un expediente ante un derrubamento parcial debido ao seu mal estado. O inmoble presenta galería, arco conopial e escudo nobiliario centrado sobre a porta e será un dos tres que o goberno galego rehabilitará logo de cinco anos de progresivo deterioro desde a súa compra. Para os restantes nove que compoñen a ducia de inmobles que a Xunta ten no Casco Histórico aínda non hai prazos.

As obras de rehabilitación da segunda casa gótica da Cerca saíron a licitación por 400 252 euros para habilitar dúas vivendas de promoción pública e un local comercial. Os outros dous inmuebles son os de Rúa Clérigos 13 e Rúa dá Preto 13.  O obxectivo do Goberno galego é que as vivendas estean listas para ser ocupadas o próximo ano.

Mentres isto acontece, o goberno local é incapaz de fixar unha estratexia para recuperar a outra casa gótica, a do 5 da Cerca construída para o rexedor Lopo de Vilousaz, considerada a máis antiga da cidade mentres estivo en pé. O PSOE, cando a casa foi demolida en 2008 gobernando o PP, prometeu adquirila e rehabilitala, algo que logo non fixo nos seis anos que leva gobernando novamente a cidade. O PP levou ao pleno de decembro unha moción para que o Concello adquira e rehabilite este inmoble singular. Betanzos Novo, o principal referente de En Marea en Betanzos, votou en contra asegurando que iso sería premiar ao propietario, que deixou que se arruinase a vivenda.

Polo de agora o goberno local  impuxo catro multas coercitivas, as dúas primeiras de 3000 euros e as seguintes de 6000 euros. O Goberno local espera reunir deste xeito así o importe total das obras de reconstrución, que roldan os 124 000 euros. Hai meses o goberno do PSOE anunciou que negociaba co propietario a adquisición do inmoble, sen facer públicas cifras, se ben logo do anuncio chegou a cuarta multa coercitiva, o que fai entender que non houbo acordo.

O propietario demoliu a vivenda e asegura ter numeradas todas as pedras da fachada principal para unha eventual reconstrución. Enfrontouse a unha denuncia por un delicto contra o patrimonio do que saíu exonerado, segundo algúns expertos urbanistas a causa de formular mal a demanda o Concello.

 

Advertisements