O “Xadrez Betanzos B” logra o ascenso a 2ª División tras quedar campión de Liga

O equipo campión co concelleiro de deportes

O “Xadrez Betanzos B” acaba de conseguir o ascenso á Segunda División tras quedar campión da Liga Galega no seu grupo. O equipo está integrado na súa maior parte por nenos das escolas de xadrez do Clube, que xa competiran a tempada pasada na Segunda División mais non lograran manter a categoría e este ano xogaron en Terceira.

Nas oito xornadas de liga, o equipo B sumou un total de 25,5 puntos. Gañou seis encontros, os cinco últimos por 4-0, empatou na primeira xornada contra os que agora son segundos clasificados e perdeu tan só un encontro. O equipo, que competía no grupo C da Liga Galega, estivo formado por José Manuel Loureiro Gómez, Jaime del Río Sánchez, Roque Bouza Santiso, Juan Manuel Montero Ibáñez, Nicolás Domínguez Souto, Adrián Brandariz Carro e Joel Armada Martínez.

Pola súa parte, o “Xadrez Betanzos A”, que compite no grupo A da Segunda División, mantense nos postos altos da clasificación e, a falta de dúas xornadas para rematar a competición, aínda conserva algunhas opcións de conseguir o ascenso a Primeira División. A Liga Galega é unha competición na que participan clubes de diferentes lugares de Galicia e que se estructura en diferentes categorías e grupos, dende División de Honra a Cuarta División.

Advertisements