O BNG anuncia que non apoiará o PXOM de Sada por querer pagar novamente por Meirás

Vista do Pazo de Meirás

Aumenta a tensión no tripartito sadense logo de que o BNG anunciase por medio dun comunicado de prensa que non respaldará os “cambios significativos” introducidos de maneira unilateral e “á marxe do Goberno local” por Sadamaioría, a marca local de En Marea que preside o tripartito. Os nacionalistas advertiron que o documento do PXOM é “diferente” ao aprobado inicialmente e que non ten “un mínimo contraste social” porque a versión que se someteu a información pública “é diferente ao que agora se quere aprobar”.

Así, advirten que “Sada non pode repagar leiras que foron expoliadas”, en referencia ás Torres de Meirás, que En Marea pretende adquirir mediante expropiación- isto é, pagando aos Franco por todo ou parte dos terreos do pazo. O BNG xa fixo “propostas políticas concretas” neste sentido, advirte, considerando que o municipio non debe pagar á familia Franco por unhas propiedades que no seu día foron expoliadas.

Os nacionalistas quéixanse tamén de que Sadamaioría entregoulles o documento “cun prazo de menos dunha semana” para estudalo e presentar achegas, o que fai temer que xa teñen decidido ir adiante con este documento pechado. O que non aclaran no seu comunicado Liss Becerra e Isabel Reimúndez, os dous edís do BNG, é se optarán pola abstención ou o voto en contra.

Advertisements