A primavera no Camiño Inglés, plato forte do lecer na fin de semana

O sábado desde a mañá ata a noite a praza do Campo acolle o evento “Primavera no Camiño Inglés”, co que a Deputación pretende promocionar esta ruta a Compostela que atravesa a provincia mediante a gastronomía, as paisaxes, a música e o lecer que ofrece. A súa programación reforza unha oferta de lecer que arrinca esta tarde coa proxección na aula de cultura do Liceo da cinta  “7 days, 7 cities” do realizador betanceiro Dani López, que xa se proxectou en Biblos e en Miño hai meses.

Ás dez e media da noite o Café Lanzós ofrece un concerto de Dr Garimba, unha banda de rock betanceira. E mañá a segunda edición da “gastrolive”, desde as doce da mañá, cunha degustación de produtos delicatessen a medias entre o Café Lanzós e os postos do mercado A Artesa da Moza Crecha e La Ventana al Sur.

Ás cinco da tarde a Biblioteca Municipal A. Castelao ofrece o espectáculo de teatro infantil “O Xigante”, dentro da campaña “Ler conta moito”. E unha hora máis tarde, ás seis, Biblos acolle a presentación do libro-CD das Maimiñas, “volta, revolta e reviravolta”. Ás oito do serán, na aula de cultura terá lugar a representación teatral da obra “Erosky paraíso” interpretada pola compañía Chévere dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.

O domingo 23 é o Día Internacional do Libro. A Libraría Biblos sae á rúa na que gusta de chamar antiga praza da Verdura, recuperando o vello topónimo da rúa de Santiago no cruce coa praza de Lanzós, cun programa variado de actividades: feira de libro, recitais, música ao vivo, desconto na venda de publicacións, obradoiro de encadernación artesá,…

Hai varias mostras abertas, ademais:

  • Exposición titulada “mirar con TACTO”.
    Do 23 de marzo ao 30 de abril, na Sala de Exposicións do edificio Liceo, a Horario de visitas de 10:00 h a 13:00 h e de 18:00 h a 20:30 h os días laborables e de 11:00 h a 14:00 h os sábados. Haberá visitas guiadas os venres 24 e 31 ás 19:00 h. Organiza a Fundación María José Jove e a Obra Social La Caixa.
  • Exposición de obra gráfica titulada “Litografías de Bernardo Lapesino”
    Do 16 de marzo ao 29 de abril, na Fundación CIEC desenvolverase a exposición de obra gráfica titulada “Litografías de Bernardo Lapesino” do artista Bernardo Lapesino (Madrid, 1975). Horario de visitas, de martes a sábado de 10:00 h a 14:00 h e 16:00 h a 20:00 h.
  • Exposición bibliográfica titulada “Vida e obra de Xavier P. Docampo”
    Do 1 ao 30, na Biblioteca Municipal A. Castelao, haberá unha exposición bibliográfica titulada “Vida e obra de Xavier P. Docampo”, no horario habitual da biblioteca, de luns a venres de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 21:00 h e os sábados de 10:30 h a 13:00 h.
Advertisements