Militantes socialistas denuncian nas redes que a executiva local impide recoller avais para as primarias

Diego Fernández é secretario de organización da agrupación local do PSOE e mais coordinador comarcal nas Mariñas

Desde onte e ata o vindeiro catro de maio a mediodía os militantes do PSOE poden recoller avais para os candidatos ás primarias que estimen. Segundo a información ofrecida na web do partido, calquera militante pode avalar a algún dos seis precandidatos presentados, tanto enviando o aval asinado por correo electrónico a Ferraz, como depositándoo nas agrupacións do partido. Neste caso, “las agrupaciones o las estructuras orgánicas de ámbito superior, deberán hacer llegar los avales recogidos directamente a estas candidaturas”.

Sería algo que non se estaría garantindo na agrupación betanceira, a xulgar pola denuncia publicada nas redes sociais por un afiliado ao PSOE, que denunciou que “na agrupación socialista non saben nada de abrir o local para presentar avais. “de que viven?”. A denuncia deu pé a un intercambio de opinións entre simpatizantes e antigos militantes do PSOE na localidade, que cualifican o feito de “bochornoso” e recordan tentativas de “manipulación” no pasado recente desde a agrupación local. “Por desgracia hay mucho manipulador y mucho manipulado por propio interes” zanxa o debate unha persoa que se confesa antiga afiliada do PSOE.

A Executiva Municipal do PSOE, segundo a información publicada no seu web, está presidida polo alcalde, José Ramón García Vázquez, sendo secretario xeral o edil Antonio Vázquez Lorenzo, secretario de organización (ademais de responsable da executiva comarcal) o edil Diego Fernández López e logo intégrana Beatriz Gómez Iglesias, Mónica Carneiro Cid, Pablo Beade Pérez, María Barral Varela, José Luís Lagares Crespo, Andrés Teijo Hermida, Ana Veiga Pita, Beatriz Romay Sueiro e Elena Germade Fraga.

O navegador bloquea o web do PSOE betanceiro por “perigoso e enganoso”

Captura de pantalla do web

Caprichos de internet, o web oficial do PSOE betanceiro fai saltar un aviso nos navegadores advertindo de contido potencialmente perigoso, bloqueando o acceso automático ao web e ofrecendo “advertencias sobre sitios web perigosos e enganosos”.

Advertisements