O BNG demanda á Xunta que use as subvencións que dá a Betanzos HB para obrigala a cumprir coas leis

Xosé Luís Rivas “Mini” é deputado no Parlamento galego polo BNG

O deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas levou á Comisión parlamentaria de Industria as reiteradas denuncias por incumprimento da normativa laboral e ambiental contra a madereira Betanzos HB, antiga Tafiber que, pese ao seu historial, ten recibido cuantiosas axudas públicas e incluída en proxectos estratéxicos da Xunta. Neste sentido, o parlamentario do BNG pediu á Xunta “que deixe de marear” e tome medidas efectivas para facer cumprir a lexislación a unha empresa tan “mimada” pola Administración pública.

“Eu a isto chámolle marear a perdiz porque supostamente hai cantidade de organismos encargados de facer, pero temos as rías contaminadas e non se recoñece”, denunciou Rivas no debate en comisión, “pero as dioxinas saen da queima dos lodos teñen motivado queixas e a apertura de procedementos no mesmo concello de Betanzos, e iso está aí, ao igual que a liberación de partículas de materiais pesados que afectan á poboación e que non se miden”.

Ante a negativa do PP a tomar medidas, Rivas instou á Xunta a facer cumprir a legalidade. “O único que pide o BNG, como fai a veciñanza de Betanzos, é que velen polo cumprimento das normas e se quere utilicen como mecanismo de chantaxe as profusas axudas públicas que se lle dan á empresa para que non se salte a lexislación laboral e ambiental”, recalcou.

Rivas tamén chamou a atención sobre o longo historial de modificación do nome da empresa, e o último unha “sospeitosa” venda polo sorprendente importe de 50.000 euros da maquinaria obsoleta, das instalacións así como a subrogación do persoal, mentres que os anteriores accionistas conservan a propiedade dos terreos. “Xulguen vostedes”, pediu o deputado ao PP e á Xunta.

O BNG salienta que toda a actividade industrial é benvida, pero dentro da legalidade, e pide ao Executivo galego que poña fin a todas ás irregularidades dunha empresa de gran afectación sobre a Ría de Betanzos, incluída na Rede Natura.

A madereira ten gran importancia en termos económicos e de emprego para Betanzos, pero nada impide a factoría compatibilizar a súa actividade co cumprimento da normativa laboral e ambiental, “e iso é o que demandamos do Goberno galego”, reitera Rivas.

Situada na localidade de Infesta, a empresa foi declarada “estratéxica” polo Executivo galego. No pasado mes de xullo de 2016, transcendeu que a Fiscalía de Medio Ambiente abriu dilixencias contra a factoría, tras informes previos do SEPRONA, e en 2015 a Inspección de Traballo abriu expediente á compañía por infrinxir a normativa de prevención de riscos laborais.

O PP di non poder actuar porque hai unha causa xudicial e En Marea minte ao dicir que presentou iniciativas nesta liña no pleno municipal

Un momento dunha concentración ante a planta de Tafiber- agora Betanzos HB

O debate da proposición non de lei dos nacionalistas deparou aínda máis sorpresas. A voceira do PP criticou que o PSOE apoiase no Parlamento a iniciativa do BNG logo de opoñerse no pleno municipal a que o Concello de Betanzos se persoase na causa polo presunto delicto ambiental. Esta causa sería a que, segundo o PP, impide á Xunta ir máis alá nas súas inspeccións e sancións á factoría de Infesta, xa que tería obrigado a paralizar un expediente sancionatorio. “Deixemos traballar a cada órgano no seu ámbito de actuación” insistiu a voceira conservadora para sacar peito con que Augas de Galicia xa está facendo “todo” para acabar cos verquidos e cos 8 expedientes sancionatorios cun total de 158 000 euros en sancións impostos desde 2002 á factoría, malia o cal, recordou o deputado do BNG, continúan a darlle subvencións públicas.

O voceiro do PSOE limitouse a anunciar o apoio do seu grupo á iniciativa situando na responsabilidade de “todos”, tanto “gobernos como empresas” o “coidado” do medio ambiente. Pola súa banda, o voceiro de En Marea asegurou que a iniciativa do BNG era moi semellante a varias que presentaran no pleno municipal “os grupos aos que apoiamos” en Betanzos, en referenza a BN e BeC, querendo dar a entender que a proposición non de lei dos nacionalistas bebía desas mocións municipais para logo falar Pancho Casal da xestión de axudas públicas do IGAPE e o caso “campeón”.

Un repaso rápido á web municipal amosa que o deputado de En Marea faltou á verdade no inicio da súa intervención. Así, as actas publicadas no portal de transparencia- parte das de 2015 e 2016- recollen tres mocións relacionadas coa empresa radicada en Infesta. A primeira delas é unha moción de urxencia do BNG en marzo de 2016 pedindo o apoio do Concello a varios despedimentos realizados a causa da filiación sindical. Era unha denuncia pública que realizara eses días a CIG- polo despido de varios afiliados da Intersindical Galega- e trasladábaa a pleno o BNG. O PSOE evitaba apoiar esta petición e BN, principal referente de En Marea, apoiouna dubidando dos datos aportados polo BNG.

A segunda foi no pleno do 27 de xullo de 2016, cando o BNG propón que o Concello se persone na causa aberta por un presunto delicto ambiental, promovida pola Fiscalía de Medio Ambiente. Os grupos de En Marea limitáronse a apoiala. Igual aconteceu un mes máis tarde, cando o BNG volveu presentar unha iniciativa en apoio aos traballadores logo de subas salariais na dirección da factoría e a imposición dun convenio colectivo peor para o cadro de persoal. Un dos grupos de En Marea celouse de que a CIG non trasladase os datos ao seu grupo, mais finalmente limitáronse a apoiar a iniciativa.

A última vez que se nomea esta factoría foi no pleno de 2017, onde o BNG tería realizado unha pregunta relativa a algunha das licenzas da factoría, que non se pode escoitar na gravación da sesión porque o alcalde evita que se formulen as preguntas en vivo exixindo que se lle entreguen por escrito. A resposta, na sesión de marzo deste ano, “sobre licenza a Betanzos HB” é igual de críptica: “neste tema como noutros,actuarase segundo informes dos técnicos municipais”.

A busca realizouse nas actas introducindo os términos “Betanzos HB”, “Tradema”, “Tafisa” e “Tafiber” e escoitando os audios dos plenos de 2017, cuxas actas o goberno local non ten publicado no web de transparencia. En ningún caso os grupos que apoia En Marea, contra o que dixo o seu voceiro no Parlamento, presentaron ningunha iniciativa que falase expresamente desta factoría.

Advertisements