Rodríguez Prieto presidirá a agrupación local do PP

O voceiro do PP, José Ángel Rodríguez

En 2014 foi situado como presidente da xestora local do PP, un ano máis tarde foi confirmado como candidato á alcaldía e agora, como “primeiro paso para recuperar a alcaldía de Betanzos” en palabras do presidente do PP coruñés Diego Calvo, o voceiro do PP, José Ángel Rodríguez Prieto, ven de ser nomeado presidente da agrupación do PP betanceiro. Moitos dos nomes que compuñan a súa xestora en 2014 -José Luis Santos Cobelo, Raimundo Calvo, Santiago Mosquera, Carmen Teijo, Pedro Seijo, Ana Escariz, José Manuel Espiñeira ou Jorge Valiño, entre outros- caen.

Así, Raimundo Calvo mantense como presidente de honor, pero a edila Vanessa Seijo pasa a ocupar a secretaría xeral, a directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, é a vicepresidenta da agrupación, e aparecen como coordinadores de área Baldomero Lence, José Luís Lagoa, Manel Manso, Rubén Martínez, Andrés Ramos, María José Doporto, Javier Rodríguez, Olga Golpe, Chus Rodríguez, Natalia Vaamonde, Pablo Rodríguez, Pedro Fernández, Roberto López e Antonio Abeal, entre outros nomes.

Da lista e da foto de familia publicada polo partido no seu web oficial desaparecen nomes de peso dos conservadores todos estes anos. Sobre todo, os máis achegados á anterior presidenta da agrupación e exalcaldesa, María Dolores Faraldo. Nin ela nin a súa irmá Fernanda, exdeputada no Congreso, nin, o máis chamativo, o edil Pablo Tomé, sobre o que recae boa parte do peso do partido nos debates plenarios. Non por casualidade, a nota remitida aos medios insistía moito en que Rodríguez Prieto, aupado no seu día por Faraldo, abre así unha “nova etapa”.

Ao parecer, e a diferenza doutros congresos locais do PP, a candidatura presentada polo actual portavoz dos conservadores no Concello foi a única presentada, e resultou refrendade no Edificio Arquivo este sábado co 98,5% dos votos. Con Rodríguez Prieto como candidato o PP perdeu, nas eleccións municipais de 2015, mil votos.

Advertisements