Eira Vella presenta o documental “As silenciadas”

O Salón Azul está na á esquerda do primeiro andar do Edificio Arquivo

A Asociación Cultural Eira Vella presenta este xoves ás oito e media do serán a cinta “As silenciadas”, un documental histórico que recupera historias de vida, inseridas no seu contexto, de numerosas mulleres que andaron na clandestinidade ou apoiaron desde a chaira o movemento guerrilleiro. O filme detense tamén na represión que padeceron por apoiar aos guerrilleiros, con morte, cárcere, tortura física e sicolóxica, exilio…  A cinta recoñece que o papel que xogaron estas mulleres foi fundamental na supervivencia deste movemento de resistencia e cómpre coñecelo.

O documental, dirixido por Pablo Ces, chega ao Salón Azul do Liceo logo de ter recibido importantes recoñecementos, coma o premio Mestre Mateo 2012 ó mellor Documental, o premio “Memoria i Justicia Universal” no Festival Internacional de Cine de Derechos Humanos de Santa Coloma de Gramenet (2011), o premio “Popular runner up” no Festival internacional online Humanity Explored 2013 e numerosos galardóns en festivais de cine tanto no país como no resto do estado español.

O pase, programado para as oito e media do serán deste xoves, é gratuíto. Introducirá a cinta e guiará o posterior coloquio a investigadora e coguionista Aurora Marco. O pase encádrase nas actividades pola recuperación da memoria histórica que organiza anualmente a entidade, dentro das que ven de programar unha homenaxe pública a todas as persoas asasinadas en Betanzos polo franquismo.

Advertisements