O goberno propón ao pleno renunciar a parte dun plan provincial

O pleno celébrase na Sala Capitular situada no primeiro andar do Pazo Municipal. Pode seguirse tamén en Radio Betanzos no 107.9 FM

A Corporación municipal celebra este serán a súa sesión ordinaria correspondente ao mes de abril que remata. Desde as oito e media do serán, os dezasete concelleiros da Corporación debatirán un total de once puntos, que a veciñanza pode seguir presencialmente na Sala Capitular do Pazo Municipal ou escoitar en diferido por medio do web municipal, pois o executivo local retirou de Radio Betanzos a emisión en directo das sesións plenarias.

Ademais da acta da sesión anterior e dar conta dos decretos do alcalde, o goberno municipal presenta dous puntos a debate. Un, para aprobar o regulamento de réxime interno da escola municipal de folclore- que foi emendado pola CIG nunha consulta previa xa que prevía cuestións que debe regular a relación de postos de traballo.

O outro punto que propón o goberno local é a “renuncia parcial por parte do concello ao préstamo provincial pendente de transferir no marco do Plan de aforro e investimento (PAI) 2016”. O executivo local non informa no web municipal, nin explicou con ningún comunicado de prensa, que é o que hai detrás desta proposta que semella indicar que Betanzos perderá parte do PAI do pasado ano.

O resto dos puntos a debate serán propostas da oposición. BN presenta unha moción “sobre os orzamentos xerais do estado” e “sobre demandas veciñais no barrio da Ponte Vella-Os Remedios” e o PP unha para “apoio á modernización do transporte público e a mellora da mobilidade en Galicia”. O BNG presenta outras dúas iniciativas, para abordar un programa de compostaxe comunitaria e suxerir ao Consorcio melloras concretas no servizo de recollida do lixo e mais para poñer en valor e protexer o legado de Rafael González Villar. BeC propón a “lembranza ós mártires pola liberdade e a democracia”. O último punto son rogos e preguntas ao goberno local.

Advertisements