O Santo Domingo vence no seu último partido como local

O Santo Domingo Betanzos sumou o seu terceiro triunfo consecutivo ao impoñerse no último partido como local ao Residencia Las Encinas de Ponferrada por 75-67, nun gran encontro dos dous equipos, cun pavillón do Carregal cheo para a ocasión no partido correspondente á 25ª xornada do grupo AB da Liga EBA. Diego Fernández contaba coas baixas de Aarón Regueiro e Juan Miramontes.

O equipo local buscaba a vitoria no seu último encontro como local, ante un Ponferrada que necestiba o triunfo para apurar as súas opcións de participar na fase de ascenso a LEB Prata. Os visitantes facían valer esta necesidade, e tras intercambio de canastras nos compases iniciais, conseguían un parcial 0-10 con dous triplos de Javier García, escapándose no marcador (8-15 min 4). Tempo morto local, e rápida reacción do conxunto betanceiro, equilibrando o marcador con triplos de Rozas e Pereiro, para continuar o resto de cuarto con igualdade na pista, ata o empate co que se chegaba ao final deste parcial, nun periodo en que destacaba Marcos Rozas, con dez puntos (22-22 min 10).

Segundo cuarto de alto nivel do Santo Domingo en defensa, encaixando só unha canastra en xogo (triplo de Prescott a un minuto do descanso), e mantendo a boa liña ofensiva. Os locais freaban aos referentes visitantes, Cambronne e Prescott, mentres que en ataque escapábanse coa achega dos xogadores que saían desde o banquiño, e co control do rebote, feito no que destacaba Thiam, capturando ata un total de 19 rexeites no partido. Con dous triplos de Rodri e accións dun contra un de Will, o Santo Domingo alcanzaba a súa máxima diferenza, 15 (38-23 min 28). Chegaba neste momento unha tímida reacción do Residencia As Encinas, con triplo máis falta de Prescott, aínda que os betanceiros íanse ao intermedio cunha renda de trece puntos (41-28 min 20).

Tras o descanso, os de Alexis Álvarez querían reaccionar para manter as súas esperanzas de vitoria, e conseguíano tras dous triplos consecutivos de Prescott, ambos logo de capturar senllos rebotes ofensivos longos. O equipo betanceiro non se desenganchaba, e seguía mostrando un bo xogo ofensivo, malia flaquear nas porcentaxes de tiro exterior e tiro libre, manténdose por diante no electrónico, con diferenzas que oscilaban entre os 5 e 8 puntos. Aparecía Cambronne en ataque, con cinco canastras neste cuarto, pero os de Diego Fernández mostrábanse sólidos desde a liña de persoal, e sen perder balóns ante a presión visitante (62-56 min 30).

No cuarto final, o Santo Domingo mantiña en todo momento a vantaxe en torno á decena de puntos, nun periodo de baixa anotación. O desgastar comezaba a facer mella en ambos equipos, mediado este periodo (69-61 min 35). Nos últimos minutos, os de Ponferrada intentaban achegarse no marcador, pero non conseguían rebaixar a diferenza por baixo dos seis puntos, mentres que o Santo Domingo erraba varios tiros liberados, que lles permitiron un final máis tranquilo. Escobar, cunha canastra de contraataque, certificaba o triunfo local, decimotercero da tempada para o Santo Domingo (75-67 min 40).

Na última xornada do campionato da regularidade o Santo Domingo enfrontarase a domicilio ao Club Ourense Baloncesto. Os betanceiros pelexarán por adiantar ao Baloncesto Narón, mentres o COB, xa clasificado para a fase de ascenso, quererá certificar o segundo posto do grupo.

Advertisements